A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, expresou o seu total desacordo coa pasividade de Unión Europea en relación a crise humanitaria que se está vivindo no Mediterráneo, coa que segundo a Organización Internacional para as Migracións (OIM) xa van máis de mil persoas mortas neste mar no que vai de ano. Así o manifestou na comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Asuntos Interiores do Parlamento Europeo.

“É inadmisible que a Unión Europea non faga nada para evitar as mortes continuas no Mediterráneo, pero tamén é inadmisible que mire para outro lado cando algúns Estados Membros pechan os seus portos aos barcos que salvan vidas”, subliñou Ana Miranda lembrando a súa experiencia coa ONG Proactiva Open Arms, a cuxos barcos (Open Arms e Astral) non lles permitiron entrar nos portos de Malta e Italia.

Segundo afirmou a eurodeputada do Bloque, “temos que esixir responsabilidades por estas mortes de persoas que foxen da guerra e da miseria”. Para Ana Miranda, os europeos e europeas “deberiamos sentir vergoña dunhas institucións que permiten tantas mortes, tanta dor e tanto sufrimento sen facer nada para evitalo nin no mar nin nos países de orixe destas persoas”.

Resolución europea: papel mollado

Miranda lembrou que no pasado mes de abril, o Parlamento Europeo aprobou unha resolución na que se pedía non criminalizar a axuda humanitaria prestada polas ONG e recoñecer o traballo que realizan estas organizacións. O documento, que foi aprobado con 516 votos a favor, 137 en contra e 43 abstencións, tamén menciona que a protección dos menores, independentemente de si son refuxiados ou non, debe ser un obxectivo prioritario.

“Ë evidente que esta resolución non é máis que papel mollado. Tres meses despois de aprobala por unha moi ampla maioría os impedimentos para rescatar as persoas son iguais ou incluso maiores que antes”, denunciou a eurodeputada nacionalista, quen defende que  “salvar vidas non pode ser delito. Díxeno no barco e o digo agora, despois de coñecer polo miúdo as terribles historias das persoas rescatadas”, concluíu.

Deja un comentario