A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, denuncia unha vez máis a hipocrisía do goberno central e a Unión Europea ao non facilitar un porto seguro para os barcos que realizan as tarefas de salvamento no Mediterráneo, como é o caso de Proactiva Open Arms. Dáse a circunstancia que Miranda participou nunha misión de rescate con esta ONG hai pouco máis dun ano, ademais de ter realizado numerosas intervencións na Eurócamara na defensa das labores de rescate.

Ana Miranda / BNG

“Atopámonos cunha terrible e inexplicable hipocrisía do goberno central, que hai un ano abriu ás portas ao Aquarius e ao Open Arms pero desde entón non ten reparo en impedir que os barcos que realizan tarefas de salvamento sigan evitando mortes no Mediterráneo”, denuncia Miranda en relación ás respectivas paralizacións do Aita Mari e o propio Open Arms.

Asemade, a portavoz do Bloque en Europa subliña que a ausencia dunha política migratoria europea común causa un problema evidente non só político, senón de humanidade”. Ao respecto considera que precisamente esa falta de política migratoria fai indispensable o traballo das entidades que realizan tarefas de salvamento marítimo no Mediterráneo mentres non rematen os conflitos nos países de orixe. “Non podemos esquecer as causas de por que estas persoas marchan dos seus países”, explica.

RESOLUCIÓN CONTRA A CRIMINALIZACIÓN

Por outro lado critica a criminalización das entidades que salvan vidas e lembra que en abril de 2018 o Parlamento Europeo aprobou unha resolución na que precisamente  se pedía non criminalizar a axuda humanitaria prestada polas ONG e recoñecer o traballo que realizan estas organizacións. “Salvar vidas, no Mediterráneo ou onde sexa, das persoas que foxen da guerra e da miseria non pode ser delito”, subliña. “Pola contra, os centos e centos de persoas que cada ano morren afogadas no Mediterráneo deberían facernos reflexionar acerca de que Europa queremos construír”, engade Miranda.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario