A portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, defende que a Comisión Europea debe facer pública a documentación de seguridade ferroviaria relacionada co accidente de Angrois que motivou a apertura do procedemento de infracción contra o Estado español en xaneiro deste ano. “Coñecer a verdade do accidente acontecido en Europa nos últimos 25 anos é fundamental para evitar que volva ocorrer”, subliña.

Dado que o Estado non impulsou a realización dunha investigación independente, nin se depuraron responsabilidades políticas nin técnicas nin se implementou a normativa de seguridade europea que evite outro accidente semellante, Miranda considera que a Comisión debe reconsiderar a súa negativa a facer públicos estes documentos e permitir que a sociedade coñeza “as causas reais” do sinistro.

“Non entendemos que a Defensora do Pobo Europeo recoñeza por unha banda a magnitude da traxedia que deu lugar á reclamación e o desexo de que se esixan todas as responsabilidades e, por outro, considere que nesta fase do procedemento o interese público se garante mellor se non se permite o seu acceso”, manifesta a portavoz nacionalista en Europa en referencia a unha comunicación oficial transmitida onte pola Defensora á propia Miranda tras a xuntanza que mantiveron o pasado 2 de xullo.

Causas reais do accidente

Pese a esta negativa da Comisión Europea a facer públicos os informes nos que se basea o procedemento de infracción, para Ana Miranda, “a esperanza de atopar a verdade e a xustiza para as vítimas sigue estando no procedemento de infracción aberto en Europa”, tendo en conta as repetidas veces nas que tanto ela como as vítimas do Alvia puideron reunirse coa Comisaria de Transporte, Violeta Bulc, e a súa disposición a esclarecer as causas do accidente. “O contrario do que acontece cos ministros no Estado español, tanto os anteriores como Ábalos”, critica.

O Bloque presentou, en 2017, unha denuncia contra o Estado Membro por incumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria, denuncia que provocou a apertura dun procedemento de infracción contra o Estado español por parte da Comisión Europea o pasado mes de xaneiro. En relación a ese proceso, o Estado pediu un aprazamento e aínda que enviou un plan para aplicar a normativa de seguridade ferroviaria, é preciso que a súa execución se leve a cabo mediante Decreto ou Lei. “Mentres non haxa Goberno o procedemento de infracción está aberto en Bruxelas e non imos parar até saber a verdade, tal e como llo prometín ás vítimas”, salientou Ana Miranda.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario