BNG | Redacción Galiza

A eurodeputada e responsable de Relacións Internacionais do Bloque, Ana Miranda, forma parte da delegación oficial de observadores do Parlamento Europeo do proceso electoral de Paraguai que culmina mañá. Nesta misión, integrada por oito membros de distintos grupos políticos, Miranda representa ao grupo Vedes-ALE.

“Estas eleccións prodúcense nun marco de confrontación no que mañá se pode dar un empate”, apunta a eurodeputada nacionalista, ao tempo que sinala que se teñen producido cambios no sistema electoral para que se dean unhas eleccións limpas, “pero non suficientes para garantir esa limpeza”.

A axenda que a delegación do Parlamento Europeo está a desenvolver en Paraguai inclúe diversos actos institucionais, entre os que se atopa a xuntanza co presidente do Tribunal Electoral, co ministro de Exteriores, así como cos distintos candidatos que concorren ás eleccións.

Outra das reunións mantidas foi co presidente do Senado e candidato a senador, Fernando Lugo, quen pode resultar mañá ser a lista de senadores máis votada. Precisamente o BNG mantén unha relación bilateral moi estreita co Frente Guasú, desde que o Bloque visitou Paraguai con motivo das eleccións de 2008 (aínda que o Frente Guasú se constituíu oficialmente en 2010) mediante diversos protocolos de colaboración, ao igual que a Fundación Galiza Sempre.

Ana Miranda, que xa participou no 2012 na misión de observación electoral dos parlamentarios europeos en Paraguai, desprazarase mañá ao departamento de San Pedro para desenvolver nesta zona as tarefas de observación electoral.

DEJA UNA RESPUESTA