A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, membro do Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, reuniuse en Bos Aires coa xuíza arxentina María Servini, que instrúe desde 2010 o único proceso xudicial do mundo que investiga os crimes do franquismo, á que pediu que “faga todo o posible para acelerar o proceso de imputación de Martín Villa”. Miranda reuniuse coa xuíza que impulsou a denominada “Querela Arxentina contra o franquismo” tras a súa participación na masiva marcha contra a impunidade celebrada en Bos Aires con motivo do cumprimento dos 43 anos do golpe cívico militar que tivo lugar en Arxentina o 24 de marzo de 1976.

Miranda valora a valentía da xuíza Servini e o seu equipo, que, coas dificultades de medios que teñen, a seu xuízo son “un exemplo democrático de loita contra a impunidade” e pide ao Goberno Sánchez que anule a decisión do Goberno Rajoy e “colabore realmente coa xustiza arxentina”. A eurodeputada critica que “en lugar de estar colaborando, os sucesivos Gobernos estatais poñen trabas a que os crimes do franquismo sexan xulgados”.

Durante o seu encontro coa xuíza arxentina, Ana Miranda aportou para a causa a “Resolución do Parlamento Europeo sobre o avance do fascismo”, aprobada o pasado 25 de outubro de 2015, para que sexa incorporada ao expediente do franquismo. Miranda tamén lle fixo entrega do libro dos investigadores galegos Carlos Babío e Manuel Lorenzo, no que se relaciona á ditadura co espolio económico, tema no que a xuíza Servini mostrou gran interese.

Inicio da causa

En 2014, a xuíza Servini ditou unha orde de detención internacional para que o ministro franquista Rodolfo Martín Villa fora extraditado a Arxentina para tomarlle declaración no marco da Querela arxentina contra o franquismo, que aglutina varias causas de delitos de lesa humanidade cometidas polo franquismo, pero a solicitude de extradición foi rexeitada a través dun acordo do Goberno de Rajoy en marzo de 2015.

Tras esta negativa por parte do Goberno español a colaborar coa investigación dos crimes do franquismo, Servini emitiu unha comisión rogatoria para tomarlle declaración nos xulgados españoles. Esta primeira comisión rogatoria foi, de novo, rexeitada en outubro de 2016.

Neste contexto, a eurodeputada galega pediu á xuíza Servini que acelere o proceso para que acabe imputado pois “suporía reclamar tamén o enxuiciamento dos responsables dos crimes contra a humanidade cometidos durante a Transición e o réxime franquista». A xuíza e o seu equipo consideran que debe haber máis colaboración xudicial en aplicación da xustiza universal porque se trata de crimes contra a humanidade e lamentan os retrasos existentes desde o Estado español.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario