Encontro, actualidade galega

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliñou que “por fin Europa tivo que escoitar que hai censura informativa en Galiza e no resto do Estado”. Así o manifestou ao fío da conferencia sobre os ataques a liberdade de expresión e de prensa que se están producindo en Europa que se celebrou hoxe no Parlamento Europeo, coordinada pola oficina do Bloque e que contou coa participación de xornalistas, escritores e músicos perseguidos por expresar en público as súas ideas.

Precisamente a respecto da censura en Galiza, na xornada expresaron a situación que se vive na CRTVG os representantes do seu Comité. “Tivemos hoxe no Parlamento Europeo unhas voces moi claras que expresan a manipulación que se dá no medio público galego e transmitindo tamén as condicións de precariedade que sofren os seus traballadores e traballadoras”, explicou Ana Miranda ao respecto.

Ademais, os representantes do Comité da CRTVG denunciaron que non se está cumprindo o respecto lingüístico. “Temos que traer a Europa a importancia dos medios públicos e a necesidade de que cumpran o criterio da pluralidade, que actualmente non se están cumprindo”, sinalou Miranda, ao tempo que sinlaou que no Consello de Administración da CRTVG no está presente o BNG.

O Bloque quere seguir de cerca a situación da CRTVG e a primeira medida que fará ao respecto será presentar unha denuncia na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. “Non queremos que a nosa denuncia de hoxe e a nosa defensa da pluralidade quede aquí”, asegurou a eurodeputada nacionalista.

Voces diversas

“Foi unha honra poder acoller voces diversas de persoas que están sendo opacadas, condenadas ou acusadas por expresar as súas ideas nunha confusión entre ao dereito á opinión e a ideoloxía, ou por estar comprometidas con causas sociais”, manifestou Ana Miranda sobre os ponentes da conferencia, que contou coa participación do escritor Suso de Toro, a xornalista Beatriz Talegón, o corresponsal de Libération ou a actriz Isabel Risco.

Tamén tiveron voz na xornada o youtuber Alex García, integrantes do grupo La Insurgencia, así como o grupo de apoio a Valtonyc, Pablo Hasel, así como a eurodeputada Barbara Spinello, autora do informe da Eurocámara sobre “Pluralismo e Liberdade dos Medios de comunicación na Unión Europea”.

A masiva asistencia á conferencia  – respaldada ademais de por Ana Miranda, polo eurodeputado húngaro Benédek Jávor, a eurodiputada verde holandesa Judit Sargentini, e os eurodeputados cataláns Josep-Maria Terricabras e Jordi Solé-, o seguimento en streaming e a súa repercusión en redes sociais deu boa conta do interese que espertou en Europa os distintos casos de censura que se están producindo tanto en Galiza como no resto do Estado así como a defensa da liberdade de expresión.

Deja un comentario