A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, visita hoxe e mañá aos presos políticos independentistas cataláns nos cárceres de Lledoners e de Mas d’Enric, aos que lle traslada a solidariedade por parte da Executiva do Bloque. “Ademais de expresarlles a nosa absoluta solidariedade pola prisión inxusta que están sufrindo queremos trasladarlle a Junqueras o noso total apoio pola sentenza do Tribunal Supremo ao rexeitar suspender a decisión da Xunta Electoral Central (XEC) que lle impediu asumir o seu escano como eurodeputado”, explica.

A coordinadora de Relacións Internacionais do BNG realiza esta visita como integrante da delegación Plataforma de Diálogo UE-Catalunya, de forma que hoxe no centro penitenciario de Lledoners visitará a Oriol Junqueras, Raül Romeva, Jordi Sànchez, Jordi Cuixart, Joaquim Forn, Jordi Turull, Josep Rull. Xa mañá, tras os encontros co presidente do goberno catalán, Quim Torra, e o conselleiro de Asuntos Exteriores, Alfred Bosch, trasladarase o cárcere de Mas d’Enric para manter un encontro con Carme Forcadell.

Ana Miranda visita presos cataláns“Desde o BNG temos claro que os conflitos políticos só poden ter solucións políticas”, salienta Ana Miranda, quen considera un “despropósito” que non se cumpra a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, do pasado 19 de decembro, segundo a cal “unha persoa elixida ao Parlamento Europeo adquire a condición de membro de dita institución desde a proclamación oficial dos resultados e ten desde ese momento das inmunidades aparelladas a tal condición».

Para a portavoz do BNG en Europa os dereitos de Junqueras foron “gravemente vulnerados” por non permitirlle acudir ao pleno da Eurocámara para asumir o escano que acadou como eurodeputado nas eleccións europeas do pasado 26 de maio como cabeza de lista da coalición Agora Repúblicas, coa que se presentou o Bloque. “Estamos diante dunha situación de déficit democrático que é imprescindible corrixir”, considera.