Alude ás dimisións en bloque dos xefes e xefas na Área sanitaria de Vigo como consecuencia da política de recortes do Partido popular e pide destinar 200 millóns de euros para Atención primaria

Xabier Pérez Igrexas denuncia a opacidade do concerto con POVISA e pide rexeitar os parches que poñen en perigo a saúde da cidadanía

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro , 2019. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou, hoxe en Vigo, nun encontro con diversos colectivos afectados polos continuos recortes do Partido popular na Sanidade pública galega tras o que afirmou que “a Área sanitaria de Vigo ten que superar o modelo privatizador de Povisa e do Hospital Álvaro Cunqueiro”. Sobre a actual situación de POVISA, a portavoz do BNG pediu “transparencia” nun concerto que a todas luces, evidencia o interese de Feixóo e o Partido popular en facer da saúde “un negocio para beneficiar aos seus amigos”.

Xunto á deputada e portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado e o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, tras escoitar as demandas dos representantes da Xunta de Persoal do CHUVI, Xunta de persoal de POVISA, Persoal de Ambulancias, ALCER (Asociación de Hemodiálise) e representantes dos PACs en pé de Guerra, a portavoz do BNG asegurou que os recortes repercuten moi negativamente na calidade asistencial e avanzou que o BNG esixirá no Parlamento galego “un Plan para Atención primaria dotado con 200 millóns de euros”.

Pontón reclamou un “cambio de modelo” porque o actual colocou a Vigo “nunha situación crítica”. Levamos, dixo, dez anos nos que o Partido popular recortou 2.000 millóns de euros na atención sanitaria de primaria e hoxe, no ano 2019, a sanidade en Atención primaria ten 180 millóns de euros menos. Os datos, remarcou, poñen en evidencia “as mentiras do Partido popular” porque é “falso” que haxa máis persoal e recursos, “hai menos médicos e médicas, enfermeiros e enfermeiras e o deterioro continúa crecendo na Atención primaria”.

A portavoz nacionalista acusou ao Partido popular de “facer da enfermidade, un negocio para os seus amigos”. Para mellorar a calidade asistencial, sentenciou é urxente contratar máis persoal e mellorar os recursos.

Encontro VigoAs Eoxis fracasaron, necesitamos recuperar as Xerencias de Atención primaria e hai colectivos como os PACs en pé de Guerra que levan máis dun ano reclamando calidade na atención de urxencias pero a Xunta. segue “sen mover ficha”. Os equipos deben estar ao completo para que ningún doente chegue ao centro sanitario e non sexa atendido porque o persoal facultativo está fora atendendo outra urxencia.

Pontón referiuse ao Hospital Álvaro Cunqueiro como “enxendro privatizador” posto en marcha polo Partido popular que resultou ser “un modelo fracasado”. Hai que mellorar a atención sanitaria de Vigo porque os cidadáns teñen dereito a unha atención “de primeira” para iso, dixo, hai que dar pasos para o rescate do Álvaro Cunqueiro e ampliar os servizos do Meixoeiro.

A SANIDADE DE VIGO EN SITUACIÓN DE EMERXENCIA

A portavoz do BNG fixo un chamamento á mobilización porque ao seu xuízo, “é o único que entende o Partido popular”, por esta razón a resposta á mobilización de mañá de Vigo debe ser masiva para frear os recortes e privatización nesta área. Pontón recordou que o vindeiro 10 de Febreiro tamén terá lugar unha mobilización, a nivel galego que debe ser aproveitada para dicir alto e claro que o persoal dos PACs denuncian a falta de medios ao igual que o sector das ambulancias, plataformas de traballadores e traballadoras sanitarias, e doentes.

XABIER PÉREZ IGREXAS DENUNCIA OPACIDADE NO ACORDO CON POVISA

O candidato do BNG, á Alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas asegurou que a Atención primaria se atopa ao borde do “colapso” sobre todo, na atención pediátrica pero tamén no transporte sanitario no que Vigo contra coa metade das ambulancias que lle corresponderían pola súa poboación.

Pérez Igrexas cualificou de “zona cero” a Área sanitaria de Vigo, produto da política de recortes do Partido popular que busca debilitar á sanidade pública para favorecer ás empresas privadas como acaba de constatar a representante do Comité de empresa de POVISA. Nesta liña, o candidato á Alcaldía de Vigo denunciou “a opacidade” do acordo entre SERGAS e POVISA. O que temos claro, dixo, é que neste centro sanitario o 50% do persoal do centro non está a xornada completa, falta persoal de enfermería e auxiliares en importantes tramos do día o que fai pensar “nunha atención de segunda”. Pérez Igrexas reclamou “un cambio de modelo” e rexeitar os parches, “para non xogar coa saúde da xente”, concluíu.