A portavoz nacional, Ana Pontón, lanzou á mocidade unha mensaxe de “esperanza fronte á desfeita que nos deixa o PP en Galiza” e asegurou que o Bloque “vai deixar a pel para que non sexan os mozos e as mozas quen paguen os pratos rotos da crise económica desta pandemia”. De igual xeito, asegurou que “estamos nun novo ciclo para o BNG que en gran medida foi impulsado pola xente nova”, polo que animou á mocidade a “seguir traballando para ser o motor que faga posíbel que Galiza teña por primeira vez na historia unha Presidencia do BNG”.

A portavoz nacional pronunciouse deste xeito durante a clausura da XVI Asemblea de Galiza Nova, celebrada en Pontevedra, onde se comprometeu a traballar cada día para que a recuperación chegue á mocidade “sabendo que non se trata de volver á vella normalidade, que era sinónimo de precariedade e emigración para a xente nova, senón de construír unha nova Galiza”.

Neste sentido, advertiu que “temos que conseguir que os famosos fondos Next Generation non enchan os petos das eléctricas e das multinacionais como pretende Feixóo, senón que se usen para evitar que unha nova xeración de galegoas e galegos teña que emigrar”.    

Pontón, quen fixo un chamamento a mozos e mozas a sumarse ao BNG, “o máis inconformista”, considerou preciso abrir “este novo ciclo no país que xere esperanza e confianza de futuro”, fronte ás políticas de Núñez Feixóo que, lonxe de convertese nunha solución, “forman parte do problema”.

“Un Feixóo que di que non existe emigración xuvenil, que nesta pandemia intentou culpabilizar aos mozos e mozas dos contaxios para intentar tapar a súa incompetencia e que apoia a contrarreforma laboral que precarizou o emprego, por certo -incidiu-, esa que o goberno ‘progresista’ de PSOE e Podemos non derroga, igual que a lei mordaza.

Segundo recalcou a portavoz nacionalista, o Goberno do PP “non é capaz de darlle un futuro digno” á xente nova e mostrouse convencida de que “vai ser precisamente esa mocidade á que Feixóo lle está roubando o futuro, quen vai ser o motor do cambio dentro de tres anos en Galiza”.

Logo de agradecer o traballo desenvolvido por Galiza Nova, Pontón asegurou que os mozos e as mozas galegas “non son o futuro, senón o presente” deste país e recalcou que “teñen as portas abertas do BNG” para que, coa primeira Presidencia da historia, abrir “unha nova etapa de progreso, democracia e avance” para Galiza. “Imos traballar con todos e todas para conseguir abrir ese novo ciclo no país que xere esperanza e confianza no futuro”, concluíu.
 

DEJA UNA RESPUESTA