Borrador automático

A portavoz nacional, Ana Pontón, tras os actos en Santiago e Ourense pechou en Vigo a última xornada de campaña cunha apelación a sumar no BNG “todo o voto de país, inconformista e rebelde” para estender por Galiza un modelo municipal de éxito que demostrou a súa capacidade para construír concellos referentes de calidade de vida. “A súa papeleta é a do BNG”, proclamou.

Convencida de que a partir do 26M “haberá máis BNG” nos concellos, fixo unha última chamada á mobilización para que todas as persoas “que queren un cambio transformador, un cambio real nas vilas e nas cidades, aos galegos e galegas que confían no potencial do país, fagan sentir o seu voto nas urnas apostando polas candidaturas nacionalistas este 26M”.

“Non hai que conformarse nin co vello bipartidismo de sempre que xa sabemos o que da de si, nin coa decepción das formulas que viñan cambialo todo e non foron capaces nin de xestionar o día a día”, argumentou. Por contra, o BNG ten o aval dos feitos: “demostramos que se pode facer política doutra maneira e tamén que hai outra Galiza posible que xa está en marcha nos concellos onde gobernamos”, explicou.

“O modelo BNG non é de corta e pega, nin importado, é un modelo propio que nace dun coñecemento profundo de cal é a realidade do país”, e por iso, -argumentou-, este domingo unha gran maioría vai optar “por máis BNG nos concellos porque temos un modelo de éxito que funciona e que mellora a vida das persoas”, tanto no medio rural como no urbano.

“Demostramos nos concellos que se pode facer política doutra maneira. Onde gobernamos desenvolvemos un urbanismo para a maioría social, construímos concellos sustentables, feministas, rentabilizamos cada euro con honestidade e transparencia. Conseguimos vilas e cidades orgullosas do noso, da nosa lingua  cultura, e logramos dinamismo económico, social e cultural”, sintetizou Pontón.

Pontón tamén salientou que un avance do Bloque nas eleccións municipais será a antesala da derrota do PP e de Feixóo cando, en apenas un ano, se celebren as eleccións galegas.  “O resultado do 26M domingo é clave para o futuro dos concellos, pero tamén para abrir un tempo novo que estamos en condicións de liderar ante o deterioro evidente da dereita, porque Feixóo xa é pasado”, alegou.

Pontón tamén pediu o apoio para a candidatura que lidera a actual eurodeputada Ana Miranda ás eleccións europeas: “fixo un traballo brillante a favor de Galiza e de todas as causas xustas para construír unha Europa social e dos pobos. É clave que este país teña voz propia na UE e só o BNG é garantía desa defensa do país e doutra Europa posible”, salientou, segura de que o escano do Bloque volverá ser o escano galego, aínda con máis forza.

 

Pola defensa de Galiza tamén en Bruxelas

Pola súa parte, Miranda denunciou a “irrelevancia política” do Estado á hora de defender os intereses de Galiza, “o que fai necesario que este país teña unha voz propia en Bruxelas que dea a cara polos seus sectores produtivos, polas infraestruturas como a autoestrada do mar, o corredor atlántico ou a inclusión do Porto de Vigo ao máximo nivel de financiamento na Rede Transeuropea de Transportes”.

A actual eurodeputada volverá colocar Galiza na Eurocámara como un referente na loita contra a involución democrática que ven da man da extrema dereita “que nos nega como pobo, como nación e negar aqueles elementos que nos identifican como a lingua e a cultura”. E reivindicou a súa candidatura como “feminista e a favor dos dereitos das mulleres. Vainos até a vida e neste asunto, nin un paso atrás”.

Salientou que o BNG pediu ante o lexislativo da UE a ilegalización da Fundación Franco que xestiona o Pazo de Meirás para a familia do ditador. “Seguiremos defendendo o fin dos privilexios deste franquismo sen Franco, a devolución do patrimonio roubado ao pobo galego e a ilegalización dunha fundación que é unha anomalía e, mesmo un esperpento democrático”.

O traballo feito demostra, indicou, que o Bloque é unha forza “eficaz e fiable” na defendas dos intereses dos galegos e das galegas tamén ante as institucións comunitarias, fronte ao “desleixo” das forzas estatais en calquera das súa franquías.


Necesitamos tu ayuda para seguir adelante con el periodismo crítico, ayúdanos a no tener que depender de publicidad externa y que Contrainformación sea solo de sus lectores. Con 1, 2, o 3 euros al mes nos ayudarás a seguir mostrándote nuestros artículos críticos.

Ayúdanos a seguir ofreciendo Contrainformación.

Deja un comentario