O BNG pide ao presidente da Xunta que deixe de ser un “convidado de pedra” e que se implique na busca dunha solución de futuro para Barreras, tendo en conta a condición de estaleiro emblemático na ría de Vigo, e sendo o naval un sector estratéxico tanto para a cidade olívica e comarca como para o conxunto de Galiza. Por iso, a formación nacionalista propón a intervención pública de Barreras para evitar que quede ao pairo das loitas de poder do accionariado e traballar desde ese control nunha solución que garanta a súa viabilidade.

Así llo transmitiron a portavoz nacional, Ana Pontón, e o portavoz municipal en Vigo, Xavier Pérez Igrexas, nun encontro en Vigo cunha nutrida representación do comité de empresa do estaleiro.

“Temos unha gran preocupación pola situación de Barreras, por ser o estaleiro máis importante nun sector naval que é estratéxico para Vigo pois afecta a mil empregos directos e máis de  trinta empresas auxiliares”, salientou Pontón, por iso, “Feixóo non pode seguir de perfil ante a crise de Barreras e a Xunta debe liderar unha alternativa, a prioridade ten que ser evitar o peche do estaleiro, continuar coa súa carga de traballo e por iso o Goberno galego debe implicarse, poñerse mans a obra”.

Neste sentido, subliñou, a proposta do BNG “é que a Xunta se faga con control accionarial do estaleiro para, desde aí, buscar unha solución de futuro”, recalcou a líder nacionalista.

“O único escenario que o Bloque non contempla é o do peche, pois sería un golpe á comarca de Vigo que xa está soportando unha grave desindustrialización. Por iso, esiximos á Xunta que se implique e a Feixóo que exerza como presidente, de tal xeito que, se el foi o intermediario para o desembarco de PEMEX a Barreras, ten que actuar agora para buscar unha solución de viabilidade do estaleiro”, declarou.

O BNG tamén formula dúas propostas concretas: recuperar a mesa do sector naval, “pois urxe unha política industrial e unha aposta estratéxica por un sector no que temos capacidade para producir e ser competitivos”, e acadar unha tarifa eléctrica galega para que as empresas se beneficien de ser Galiza exportadora neta de electricidade reducindo así custes enerxéticos e ganado en competitividade. “Non ten que haber precariedade laboral cando poderíamos competir reducindo os custes enerxéticos cunha tarifa eléctrica galega”, salientou Pontón.

En todo caso, a maior urxencia é evitar o peche dun estaleiro emblemático para o sector naval en Vigo e comarca e, por iso, a Xunta “ten que ser un axente activo á hora de buscar unha solución porque o que de ningunha maneira pode repetirse é a situación de Vulcano”, concluíu.

Pérez Igrexas insistiu nesta mesma idea cunha mensaxe contundente: “non podemos permitir o escenario do peche de Barreras porque na práctica suporía ameazar a continuidade do propio sector naval na Ría de Vigo e falamos dun sector económico estratéxico e de creación de emprego de primeiro nivel, sen o cal non que se pode concibir o desenvolvemento económico e produtivo desta cidade”, argumentou.

Por iso, alegou o portavoz municipal, “a Xunta ten que deixar de ser unha convidada de pedra para evitar que o futuro de Barreras siga a depender das veleidades e das loitas internas do seu accionariado. Para garantir a continuidade do emprego, -indicou-, é indispensable  a intervención pública por parte do Goberno galego”, sintetizou.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario