A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou no acto público, convocado polo BNG, na cidade de Pontevedar para conmemorar o Día da Galiza Mártir e en Homenaxe a Alexandre Bóveda, executado polo franquismo hai 85 anos por defender Galiza.

Xunto ao deputado no Parlamento galego, Luís Bará  e a responsable comarcal de Galiza Nova, Marta Gómez, a líder do BNG afirmou que “podemos gañar se sumanos forzas e priorizamos a verdade e o noso compromiso, tanto nas mobilizacións sociais como nas institucións nas que gobernamos”, con esa forza “conseguimos que devolveran Meirás e conseguiremos que se faga xustiza coa figura de Alexandre Bóveda.”

Para a portavoz nacionalista, non é casual que Galiza sexa “a vangarda na loita contra o franquismo e o neofranquismo”. Aquí, explicou, “hai un movemento da memoria e o nacionalismo que non comulga coas pedras de muíño dunha transición que asentou a impunidade do franquismo.”

Homenaxe a Alexandre BóvedaCúmprense hoxe 85 anos do fusilamento de Bóveda na Caeira e no BNG denunciamos que máis de oito décadas despois continúa a haber unha débeda pendente coa súa memoria.

Nesta conmemoración do Día de Galiza Mártir que comezou a celebrarse primeiro no exilio e máis tarde en Galiza, é a primeira vez que podemos dicir que o seu fusilamento está en mans da xustiza pero non na da xustiza española a que se pronunciará sobre a farsa de xuízo perpetrado contra Alexandre Bóveda e sobre o seu posterior asasinato. Será a xustiza arxentina quen se pronuncie.

Esta situación só se pode definir como unha terríbel “anomalía democrática”, unha aberración histórica que só se explica pola impunidade co que foron tratados os criminais franquistas nunha transición que preferiu facer borrón e conta nova botando toneladas de terra sobre a memoria da dignidade e  por riba dos nomes de tantas persoas que perderon a vida, os traballos ou a liberdade por defender a legalidade e a democracia, aseverou a nacionalista.

Na súa intervención, Pontón dedicou un especial recoñecemento á participación da área de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, o labor do deputado Luís Bará pola recuperación da memoria histórica, á Deputación da Coruña para recuperar o Pazo de Meirás co impulso de Goretti Sanmartín, así como as iniciativas presentadas polo BNG no Parlamento Galego e o traballo de concellos como o de Pontevedra.

Sabemos onde estamos e sabemos quen se sitúa, neste sentido, nas nosas antípodas. Referíame antes á política institucional iniciada polo BNG na Xunta de Galiza para recuperar a nosa memoria da que se cumpren agora quince anos pero todo ese traballo foi silenciado por Alberto Núñez Feixóo que chegou como un novo Atila arrasando con todas as accións de goberno, os proxectos iniciados, as liñas de colaboración, as asociacións memorialistas, os actos públicos institucionais de homenaxe e mesmo coa propia Illa da Memoria, convertida, nas súas mans, “en escenario de usos múltiples…” iso até que de novo podamos recuperar o camiño andado e establezamos unha liña de continuidade con esas “políticas da memoria que serán de novo, centrais cando volvamos gobernar este país”. Porque desde que Feixóo se puxo á fronte da Xunta, quedou á vista que “o BNG é a alternativa para que Galiza teña un futuro próspero”.

O PP fai de oposición do BNG

“O PP, dixo Pontón, está moi nervioso e desde fai un ano dedica  tempo e  esforzo a facer de oposición do BNG”. Se sobe o paro, a culpa é do BNG, se o recibo da luza se dispara é nosa a culpa e se o AVE aínda non chegou a Galiza, tamén.

En Euskadi alguén di algo sobre a Selección inglesa, salta o PP a pedir que se pronuncie Ana Pontón. Se o goberno do estado se atrasa nos investimentos na Galiza, salta o PP a pedir que se pronuncie o BNG. “Pois se a súa ilusión é exercer de oposición do BNG, que non se preocupe, faremos todo o posíbel para que pase a portavoz da oposición” e así non presenciariamos situacións tan graves como a destes días nos que o TSX de Galiza deixou en evidencia a Feixóo. “O PP, enganou á hostalaría prometéndolle algo que era ilegal, enganaron á cidadanía dicindo que a xustiza avalaba unha medida que viola dereitos fundamentais”. E tras o último auto do TSXG, Feixóo  leva días desaparecido sen dar a cara.Dende o BNG esixímoslle que compareza no Parlamento e sobre todo, que “asuma responsabilidades”.

O BNG herdeiro do legado de Alexandre Bóveda

E momento de cambios e no BNG somos  herdeiras e herdeiros de Alexandre Bóveda e, coma el, denunciamos o inxusto trato que recibimos e esiximos o que nos corresponde co fin de que poida mellorar a calidade de vida de galegos e galegas e por esa razón, hoxe  lanzamos a iniciativa Bóveda por “un novo modelo de financiamento para Galiza que nos dea soberanía fiscal” e para que Galiza non continúe desaparecida e secuestrada pola estratexia do PP en Madrid.

“Propoñemos a Iniciativa Bóveda para abrir un debate social e institucional sobre un novo modelo de financiamento que nos permita ter a chave dos cartos dos galegos e das galegas en Galiza”.

Nun momento de crise como o actual é máis importante que nunca ter este novo modelo de financiamento que nos permita enfrontar os desafíaos que nos deixa a Galiza COVID.

Nuns días comeza  un novo curso político e o BNG será outra vez  “garantía de compromiso co país e defensa dos seus intereses” e cando gobernemos  non teñan dúbida de que a memoria Alexandre Bóveda terá un lugar de privilexio neste país. O do exemplo de dignidade, de compromiso e de defensa da Galiza luminosa e libre que nos transmitiu, un legado precioso que recollemos e prometemos continuar, cada vez con máis forza, xa sen límites, concluíu.

DEJA UNA RESPUESTA