A manipulación dos medios públicos non afecta só a RTVE, -en pleno debate-, senón que é igual de grave ou peor na RTVG convertida en aparato de propaganda do PP e de difusión apoloxética da figura do presidente da Xunta. Un nivel de manipulación que levou á dimisión dunha presentadora e dun presentador dos informativos e a protesta sistemática dos e das profesionais todos os martes, xoves e venres.

Neste contexto, a portavoz nacional, Ana Pontón, vai utilizar a sesión de control para pedir explicacións ao xefe do Executivo: “Que explique se considera razoable converter a radio e a televisión públicas, polas que pagamos 107 M€, no aparato de propaganda do PP. Se o presidente da Xunta quere ter unha teleFeixóo que a pague do seu peto, pero que non use os medios públicos como aparato de propaganda e manipulación a súa maior gloria persoal”.

Pontón subliñou que unha sociedade “libre e democrática” é a que está ben informada e para iso son imprescindibles medios públicos rigorosos, plurais e centrados no país, unha RTVG “nas que a escaleta dos informativos a fagan os e as profesionais e non a secretaria de comunicación de Feixóo”.

As denuncias dos e das xornalistas, o apagón informativo coa supresión primeiro das desconexións locais da TVG e agora da radio galega, a ocultación ou redución á mínima expresión de calquera voz discrepante “coa verdade oficial do réxime feixoniano”, -sexa das forzas da oposición, colectivos económicos, sociais ou sindicais-, e a situación da dirección do ente, cuxo director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, leva nove anos ocupando o cargo de xeito ilegal mostran ata que punto a radio e televisión públicas están ao servizo do PP e do Goberno de Feixóo e merece ser levado ao Parlamento para que o xefe do Executivo dea explicacións.

A situación da valedora do Pobo é outra cuestión que centrará o pleno, despois de que o BNG presentase a proposta de debater na Cámara o cese de Milagros Otero, tras a sentenza do TSXG que anula unha contratación por enchufismo que afecta á irmá do portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy Fraga. O BNG insta a Otero a presentar a súa dimisión antes do Pleno porque considera que non pode seguir nin un minuto máis a fronte da institución.

“Está inhabilitada para seguir porque cometeu abuso de poder e actuou con arbitrariedade precisamente a persoa que preside a institución encargada de velar pola transparencia e polo cumprimento da legalidade nas administracións públicas”, alegou Pontón, quen ve neste caso de enchufismo “un exemplo máis de vellas prácticas caciquís do PP” que hoxe mesmo teñen un novo caso na sentenza tamén do TSXG anulando o concurso para o cubrir 69 postos de traballo na Deputación de Ourense.

“Repítese o modus operandi do PP de copar as institucións incumprindo os principios básicos de igualdade, mérito e capacidade no acceso ao emprego público”, recalcou, por iso Otero debe dimitir antes do martes ou debe ser o Parlamento quen a cese, ao tempo que lembraba que foi elixida cos votos dos populares “incluído o de Feixóo que agora non pode escorrer o vulto”.

Pazo de Meirás versus Val dos Caídos

O BNG tamén leva a última sesión a devolución do Pazo de Meirás sen custe algún para Galiza “porque sería unha labazada á dignidade deste pobo e das vítimas do Franquismo”, salientou Pontón. A proposta nacionalista tamén pedirá o apoio do Parlamento ás 19 persoas, -moitas militantes do Bloque-, denunciadas pola familia e pola Fundación Franco por un acto cívico de reivindicación da devolución do pazo, para as que piden 300 anos de cadea.

Pontón esixiu ao Goberno de Estado “a mesma dilixencia e determinación” para a devolución do Pazo de Meirás e dos outros bens roubados que a que demostra no traslado do restos do ditador do Val dos Caídos. “Xa non valen máis escusas porque levamos 40 anos esperando”, recalcou, “e se o Goberno do Estado non o fai que actúe a Xunta dando un paso adiante con firmeza, porque non é un tema para marear senón para solucionar”.

AP-9 e axenda galega

O período ordinario de sesións concluirá coa votación final da proposición de lei de transferencia da AP9 presentada polo BNG e tomada en consideración pola Cámara, que a portavoz nacionalista confía sexa a definitiva para conseguir a transferencia desta autoestrada “libre xa de vetos” como primeiro paso para finiquitar a estafa da peaxes.

Igualmente, o Bloque presenta unha proposta para conformar unha axenda galega con temas de país para defender ante o Goberno do Estado que, avanzou, debe incluír cuestións como a transferencia da AP9, supresión da prórroga de ENCE, devolución do Pazo de Meirás, tarifa eléctrica propia, 180 M€ en dependencia que adebeda o Estado e a modernización do ferrocarril, que vai máis aló da esperadísima e sempre retrasada chegada do AVE.

Deja un comentario