Na comparecencia para valorar o período de sesións 2019, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón comezou a súa intervención amosado a dor  e condolencias polo falecemento de 3 persoas, da mesma familia, en Curtis, tras prender un xerador despois dun prolongado apagón. “Encóllese o corazón ante un feito tan dramático e queremos trasladarlle todo o noso  cariño  á familia nun momento tan  duro”.

Para a nacionalista, o acontecido en Curtis representa a cara “máis amarga e dolorosa” das consecuencias dunha sucesión de temporais que deixan outra vez un gran impacto no país. Pontón denunciou  os excesivos  cortes de luz e tardanza das compañías eléctricas con  máis de 60.000 persoas afectadas por cortes de luz e  retrasos na reposición. Esta situación, dixo, é produto  do “mal servizos que prestan  as eléctricas en moitas zonas” e lembrou que chove sobre mollado xa que o ano pasado tamén se rexistrou un gran número de incidencias polos temporais.  A “cegueira do PP coas compañías eléctricas debe ser un un efecto secundario das portas xiratorias” porque a pesar dos graves problemas non se produciron “nin medidas correctoras nin sancións”.

Por outra, as consecuencias das borrascas tamén teñen un efecto negativo no ámbito económico, sobre todo no sector da baixura que non pode faenar nunha “campaña tan importante como a de Nadal”, polo que  reclamou axudas polo peche.

2019 marcado por tres grandes procesos electorais

No resumen do período político do 2019, Pontón destacou que Galiza viviu tres procesos electorais que constataron “o incremento e apoio electoral ao Bloque Nacionalista Galego” converténdoo “nunha forza a alza e con fortaleza á hora de encarar as eleccións galegas”. Un reto, recalcou, que o BNG enfronta con decisión e consciente de que o PP está “no momento máis baixo dos últimos anos”. O 2019 deixa unha sociedade que aposta por cambiar de rumbo e cansada do fracaso das políticas do Partido popular e “o ninguneo” dos gobernos centrais. Fronte a esta situación, asegurou,  cada vez son máis os galegos e galegas que miran para o BNG porque somos  unha forza política seria, unida e coherente, “un BNG que soubo renovarse e avanzar e que conta cun proxecto de futuro para Galiza”.

Un 2019 ano con moitas sombras no ámbito social e laboral 

Para a líder do BNG, o ano 2019 mostrou un incremento da violencia contra as mulleres e a pesar de rematar a crise económica seguimos padecendo as consecuencias dos recortes sociais que aplica o Partido popular, nomeadamente na sanidade onde “os recortes matan” como puidemos comprobar coa morte dunha persoa no Deza por falta dunha ambulancia medicalizada  e que a día de hoxe non existe. Pero tamén, temos a outra cara coa supresión da sala de partos e de urxencias pediátricas no Hospital de Verín.

Entre as sombras que nos deixa o 2019, Pontón sinalou as novas subidas das peaxes da AP-9 e a crise industrial na que se perderon máis de 700 postos de traballo en Poligal, Unitono, Vulcano ou Isowat  ante a pasividade da Xunta e do goberno central ao que sumou a  incerteza en ALCOA, ENDESA e os miles de empregos en xogo no sector industrial por “un marco enerxético aprobado polo PP e continuado polo PSOE”.

Para a nacionalista, a principal sombra é a que representa  “  unha Xunta en mans do PP esgotada, sen ilusión nin proxecto de país”.

A portavoz do BNG asegurou que este panorama tamén amosa luces e unha delas é a  presenza do BNG no Congreso dos deputados que devolve a  Galiza “unha voz propia” e a defensa dunha axenda galega nun escenario sen maiorías absolutas. “O  escano do Bloque é o escano de todos os galegos e as galegas, igual que na Eurocámara, tras duplicar o apoio nas urnas”, remarcou.

O BNG presenta máis de 2.500 propostas no Parlamento galego

O 2019 sitúa ao grupo parlamentario do BNG como o máis activo e a voz de numerosos colectivos e demandas sociais. En total, afirmou Pontón,  presentamos máis de 2.500 iniciativas  que representan o 21% do total.  “Cada deputado ou deputada do BNG vale por 3 en canto ao seu traballo”.  Denunciamos a violencia machista, a estafa das peaxes, defendimos unha tarifa eléctrica galega, medidas contra emerxencia climática, un novo modelo de financiamento e un  pacto galego pola ciencia e a innovación pero temos a mirada posta no 2020 que ten que ser “o ano do cambio real tras unha década de decadencia”. Toca abrir un tempo novo e desde o BNG ofrecemos un  proxecto de cambio real para poñer en valor todo potencial e capacidade que temos en Galiza que é inmenso, concluíu.