A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita a adega Martín Codax, para poñer en valor o “enorme” potencial do sector vitivinícola e o seu papel “clave” na creación de riqueza e emprego e para fixar poboación no rural. Alabou o excelente proxecto empresarial desenvolvido por esta cooperativa do Salnés e compartiu coa dirección da empresa análise da situación dun  sector que suma 150 empresas e factura 220 millóns de euros.

Pontón destacou que a defensa da capacidade produtiva deste sector vai seguir sendo unha das liñas de traballo do BNG, e analizou os retos que ten por diante, entre os que destacou mellora a reducida dimensión das parcelas, que “limita” a competitividade e o crecemento económico do sector. Segundo estudos recentes, “a superficie media por explotación en Galicia está en 0,14 hectáreas, cando a media española é de 1,8, temos un 3,5 % da superficie dedicada a viñedos no Estado, pero en cambio sumamos 200.000 parcelas, o 40 % del total”.

Neste sentido, Pontón avogou pola “unión de entidades privadas” para incrementar “dunha maneira rápida” o tamaño das explotacións.

A portavoz nacionalista tamén subliñou a “innovación continuada” levada a cabo polo sector que ten contribuído a darlle prestixio e calidade aos caldos galegos, cada vez con máis presenza nos mercados internacionais, con EEUU e Reino Unido como principais clientes. Igualmente, destacou a necesidade de seguir avanzando “na profesionalización de adegas e de colleiteiros” afondando na incorporación da xente nova, de seguir apostando polo I+D+i e de favorecer unhas “relacións máis claras” entre adegas e produtores.

Neste punto, o BNG aposta por contratos homologados e que a Xunta “vincule” as axudas ás adegas coa existencia deses contratos “que garantan prezos xustos os e as produtoras”.  Tamén fixo referencia á oportunidade de seguir traballando en potenciar as sinerxías entre sector vitivinícola e turismo, cuestión “que debe ter un apoio decidido das administracións públicas”.

E, desde logo, o Bloque considera estratéxica a aposta do sector pola calidade. “A creación das denominacións de orixe foron fundamentais no seu momento, pero hoxe nun mundo cada vez máis competitivo é necesario afondar nesa aposta e na diferenciación do viño galego”, en particular ante as ameazas que pode supoñer o Brexit ou outras cuestións que fan necesario ter voz propia en defensa do sector vitivinícola no mercado internacional. “Para defender o noso”, recalcou.

“Temos un compromiso moi claro de cara o 10N: a defensa dos nosos sectores produtivos”, tamén desde o Congreso onde se toman decisións con impacto na capacidade de producir do país, concluíu, tras a visita a adega coa cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, así como responsables locais e comarcais do BNG do Salnés.

Pola súa parte, Carme da Silva, puxo en valor na visita a Martín Códax o traballo do sector vinícola do Salnés para xerar riqueza e emprego no país. En concreto, destacou a clara aposta da adega de Cambados pola dinamización das exportacións, a inversión en I+D+i e o apoio á cultura galega.

Segundo indicou a nacionalista as cooperativas do viño no Salnés teñen unha evolución histórica positiva máis polo seu propio pulo que polas axudas recibidas por parte das administracións. Destacou a importancia de que no Congreso haxa forzas galegas como o BNG que aposten por recursos do país “nos que somos unha potencia” defendendo firmemente “o noso dereito a producir e as nosas capacidades”.
 

 

Aposta pola calidade

Da Silva louvou a aposta pola innovación e desenvolvemento que vén realizando Martín Códax, e os proxectos que ten en marcha con universidades e centros de investigación de todo o estado español, que están destinados a mellorar a calidade dos produtos e a buscar a sustentabilidade do cultivo reducindo tratamentos químicos e a cantidade de auga na produción.

Outro dos aspectos que sinalou a candidata ao Congreso é a política de promoción da cultura galega que están a levar adiante esta adega, co patrocinio e organización de diferentes premios no mundo da arte e da cultura. De feito, dende os seus inicios a adega apoia todo tipo de expresións culturais e artísticas, dende as máis tradicionais ata as máis vangardistas, e leva a cultura galega a tódolos recunchos do mundo onde está presente.