A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defende hoxe desde a asemblea da Alianza Libre Europea que se está a celebrar en Alemaña e da que o Bloque forma parte, a importancia de “sumar voces” para que Galiza forme parte do corredor atlántico de mercadorías. Por iso o BNG impulsa unha resolución para que os partidos que integran a ALE se comprometan a defender que Galiza entre nesta rede.

“É un auténtico agravio a exclusión de unha nación atlántica como é Galiza dese corredor porque significa deixarnos fóra da modernización das nosas infraestruturas e iso é situarnos en peores condicións para poder competir e modernizar a nosa economía”, subliña a portavoz nacional, quen xunto a eurodeputada Ana Miranda, e os representantes da Fundación Galiza Sempre, María do Carme García Negro e Uxío Breogán Diéguez, participa estes días na asemblea.

Para Ana Pontón, precisamente fronte a ese agravio “é necesario sumar voces e crear un lobby galego apoiado por outros partidos que representan a nacións sen estado para que presionemos e acabemos con esa exclusión”. Ao seu xuízo, “Galiza non pode esperar dez anos para a modernización do seu ferrocarril”.

O BNG considera que non figurar na rede transeuropea de transporte significa estar “nunha posición mala de partida cando temos potencial e temos capacidade para que os nosos portos e os nosos aeroportos estean ben conectados”, o cal ademais significan máis inversións para o noso país.

Dereito á autodeterminación

Ana Pontón explica que na asemblea da ALE, como encontro de representantes das diversas nacións sen estado que conforman Europa, están traballando “para poñer en común estratexias que permitan mellorar a vida dos pobos e construír un modelo de Europa que recoñeza os pobos” e polo tanto no que se recoñeza o dereito á autodeterminación.

Neste sentido, a liña de traballo cuestiona a actual Europa neoliberal dos Estados e quere avanzar para construír un modelo de Europa que recoñeza a pluralidade, “unha Europa democrática e social, que signifique unha mellora para as condicións de vida da xente”, en palabras da portavoz nacional do Bloque.

Ao respecto a portavoz nacional salienta a importancia do manifesto electoral que vai a presentar a ALE e que fundamentalmente defende o recoñecemento do dereito a decidir dos pobos e “a necesidade de construír esa Europa das nacións sen estado, unha Europa democrática e avanzada”. Este novo modelo de Europa implica asemade deixar atrás o que significa a actual Unión Europea, “que só serve para beneficiar a grande banca e a transnacional que está empobrecendo os nosos pobos e que está ademais impoñendo unha ofensiva de recortes e de dereitos e liberdades que baixo ningún concepto podemos aceptar”.

Segundo Pontón, as representantes das nacións sen estado que participan na asemblea da ALE “representamos a esperanza de mellorar as cousas porque somos un nacionalismo emancipador, que constrúe, que une, que cre que todos os pobos somos iguais e que queremos derrocar esa idea desa Europa única pola que uns se benefician mentres a gran maioría perde”.

Deja un comentario