Ana Pontón: “Hai partido e imos ganalo para darlle voz a Galiza quitándolle escanos a Vox e Ciudadanos”

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin de Ferrol para facer un chamamento á mobilización nesta recta final de campaña na que un BNG en remontada vai superar as enquisas logrando que Galiza sexa decisiva no Estado e ganándolle á dereita “antigalega” de Vox e Ciudadanos.

“Falta menos para  esa oportunidade que se chama 28 de abril, unha oportunidade para encher as urnas de votos a favor de Galiza, de votos contra a discriminación das forzas estatais,  para encher as urnas de votos que lle paren os pés a esa dereita carca e antigalega que vimos en Colón”, recalcou.

“E para que iso suceda temos que sumar todo o voto de país no Bloque, porque Galiza só terá peso no Estado unindo todo o voto de país no BNG. Somos a única opción real para conseguir telo todo: defensa de Galiza e pararlle os pés a dereita antigalega de Vox e Ciudadanos á que lle disputados escanos na Coruña e en Pontevedra ”, recalcou, pedindo un último esforzo de mobilización.

“Témolo ao alcance da man. Por iso, pídovos que nos multipliquemos, que redobremos a mobilización, con ilusión, cun sorriso na boca, que falemos con todo o mundo, que chamemos a todas as portas”,  demandou. Hai partido e ímolo ganar! Imos darlle voz a Galiza e quitarlle escanos a esa dereita antigalega”, proclamou.

FerrolNa súa apelación ao voto, Pontón dirixiuse especialmente ás persoas indecisas ás que lles preocupa Galiza. “Aos nacionalistas e non nacionalistas, a todas as persoas que noutras eleccións non tiveron BNG como primeira opción pero queren un futuro mellor para este país ofrecémoslle un proxecto solvente, cohesionado e unido e coas mans abertas para que o 28A podan telo todo: Voz propia para construír o país que queren e frear a dereita que nos quere levar ao pasado”.

Pola súa parte, o candidato pola Coruña, Nestor Rego, proclamou o seu compromiso de traballar desde un Congreso sen maiorías absolutas para sacar adiante as principais demandas da comarca de Ferrolterra, de novo discriminada polas forzas estatais en particular no sector naval chegando incluso a desviar carga de traballo dos estaleiros galegos aos de Navantia en Andalucía.

“Alí estará o BNG para defender políticas que pulen pola reindustrialización de Galiza; para defender os postos de traballo hoxe en risco en POLIGAL, MEGASA, ALCOA ou ISOWAT, para reclamar a capacidade deste país a decidir sobre o naval para impulsar a construción civil”, avanzou. Igualmente, “para exixir os recursos necesarios para o saneamento das rías que son unha fonte de riqueza que perde miles de postos de traballo por que seguen sen rexenerar”.

No campo das infraestruturas na comarca, Rego subliñou que priorizará a modernización do transporte ferroviario entre Ferrol e A Coruña, hoxe na práctica incomunicadas por tren, así como a modernización da liña de FEVE e, fundamental tamén, reclamarse ao Ministerios de Defensa “que cumpra con esta cidade empezando por pagar os impostos que lle corresponderen e derrubando dunha vez ese muro que permita abrir Ferrol ao mar”.

Pontón tamén foi contundente á hora de explicar o que os deputados do BNG poden facer nun Congreso sen maiorías no que cada voto conta.

Sen ataduras a Casado, Sánchez ou Iglesias

“Demostraremos que é posible a transferencia da AP-9 como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes porque non recibidos ordes de Casado, Sánchez ou Rivera. Conseguiremos unha tarifa eléctrica galega e un marco enerxético estable para evitar que nun país que produce enerxía a esgalla haxa 400 empregos en risco en ALCOA e centos en todo o país polos custes enerxéticos”, explicou.

“Conseguiremos o saneamento da Malata, do Burgo e de todas as rías galega a través dun plan integral. Faremos posible a modernización do Ferrocarril entre Ferrol e Coruña e, desde logo, acabaremos coa discriminación do naval galego”.

Tanto Rego como Pontón insistiron na mobilización destes últimos días “decisivos”. “Desde a ilusión e a esperanza”, destacou a líder nacionalista, “como antídoto a eses profetas do medo, que queren vernos paralizadas e desanimadas, esperanza e ilusión contra ese trifachito de Colón que grita, que insulta, que crispa,  contra ese exército de camiñantes brancos que se alimentan do discurso do medo”. A todos, “imos paralos enchendo as urnas de voto ao BNG o 28A”, concluíu.

Deja un comentario