A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou no mitin en Fene que o BNG é a única forza  “libre de ataduras” para defender Ferrolterra das decisións dun Goberno central que, a través da alternancia PP-PSOE, cebouse na comarca con políticas que poñen na picota os sectores económicos, sector naval e industria electrointensiva como principais expoñentes.

“Nada podemos esperar dese bipartidismo PP-PSOE, salvo a mesma discriminación e ninguneo de sempre que primeiro afectou de cheo ao sector naval, e sigue, e que agora está afectando ao sector industrial, en particular ás empresas electrointensivas con centos de postos de traballo en xogo, coa ameza de peche da planta de ENDESA nas Pontes”, salientou, tras lembrar tamén o apoio de Podemos os orzamentos do Estado de Sánchez, pese a ser os peores para Galiza dos últimos vinte anos.

Por iso, a líder nacionalista considera urxente recuperar voz propia en Madrid “para facerse valer como país”. “Ou condicionamos a política do Estado a favor de Galiza ou veremos como seguen tomando decisións que son lesivas para os intereses de Ferrolterra e de Galiza, cando deciden por nós desde Madrid, Galiza perde”, recalcou.

Néstor RegoPor iso, subliñou que este 10N é a oportunidade “de poñer Galiza no mapa optando pola única forza coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas sen ter que pedir permiso a ninguén, sen ningún límite marcado por ningún sucursalismo”, salientou.

A líder nacionalista dirixiuse ás persoas decepcionadas co “bochornoso espectáculo” destes meses que rematou co fracaso da repetición electoral:  “dígolles que este 10N poden facer algo diferente, poden apostar polo BNG, que non vai entrar na política espectáculo, na frivolidade das forzas estatais. Imos ir ao Congreso a defender os intereses de Galiza, poñendo por diante este país”.

De feito, amosouse convencida de que unha maioría vai aproveitar a “incompetencia” das forzas estatais para recuperar unha voz propia no Congreso, como xa teñen vascas, cataláns, canarias, valencianas e até Cantabria. “Galiza non pode seguir muda porque perde oportunidades, é fundamental contar cunha forza libre e sen ataduras que condicione a política do Estado a favor de Galiza e esa forza é o BNG”, concluíu

Na súa intervención, o cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, destacou que a situación que neste momento atravesa ENDESA é un exemplo do que acontece “cando as decisións se toman lonxe de nós». «Sabemos que a transición enerxética é inevitábel mais defendemos unha solución con alternativas que garantan os postos de traballo e a creación de emprego na comarca coa reactivación da capacidade industrial e económica do noso país”, recalcou.

Insistiu en que o desmantelamento industrial mostra como «nos afectan decisións que se toman a distancia e, por iso mesmo, defendemos maior soberanía para decidir sobre o noso futuro e defender os nosos intereses, en concreto, sobre ámbitos como o sector enerxético e os transportes para os que reclamamos competencias plenas do goberno galego».

Saneamento das rías

«Queremos solucións e alternativas para Endesa, para Alcoa, para Ferroatlántica, para os estaleiros de Ría de Vigo e da Ría de Ferrol. Non estamos dispostos a aceptar que o Estado español acabe, por acción ou inanición, coa pouca industria que temos e converta o noso País nun deserto industrial, sen futuro e sen máis perspectivas que emigrar», destacou Rego nunha intervención en que insistiu na necesidade de maior autogoberno para defender os intereses galegos.

Con este obxectivo, o candidato do BNG considerou que, «fronte á desidia, abandono esquecemento e a inacción doutras forzas», é  imprescindíbel contar cunha «voz libre e soberana no Congreso para defender a nosa capacidade de producir e vivir do noso traballo no propio país», e mentou tamén sectores como a pesca e a agricultura, «gravemente diminuídas por decisións de Madrid e Bruxelas».

Unha voz que esixa tamén o «sanemamento das nosas rías, recuperar toda a súa riqueza e a súa inmensa capacidade produtiva porque non  estamos dispostos a permitir que os excepcionais recursos que posúe este País fiquen estragados pola desidia de quen nos goberna a 600 quilómetros terra adentro».

 

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario