A portavoz nacional, Ana Pontón, ve no discurso do presidente da Xunta un exemplo de “electoralismo” e de “triunfalismo” cos que pretende agochar os problemas reais de Galiza, un discurso propio dun Feixóo “sen proxecto, sen ilusión e sen ambición de país” que, lonxe do predica, “nin escoita, nin rectifica”.

Un xefe do Executivo que, ademais, renunciou á defensa do autogoberno, como demostra o seu balanzo de cero competencias en dez anos, e que non fixo senón atacar o propio idioma mesmo limitando o seu uso no ámbito educativo. Todo o contrario do que representou a Xeración Nós ou un Blanco Amor dos que sarcasticamente se quere apropiar, denuncia Pontón, quen convida aos galegos e as galegas a aproveitar o 2020 para abrir un tempo novo en Galiza desde as urnas.

“Feixóo utiliza o discurso de fin de ano para facer electoralismo empregando os medios públicos e para facer un balanzo triunfalista da súa xestión que pouco ten que ver coa realidade, pois obvia que o seu goberno deixa unha Galiza peor que a que atopou, de feito, dez anos despois vemos unha Galiza con moitos problemas pese a todo o seu potencial”, salienta a líder nacionalista.

Problemas que Pontón atribúe “á discriminación do Estado con Galiza”, tanto con gobernos do PP como do PSOE, “e aí temos o exemplo paradigmático da AP9 na que ambos  partidos estatais aplicaron as mesmas subidas nas peaxes ou como seguen o mesmo esquema de espolio eléctrico pese a que pon en risco miles de postos de traballo polos custes enerxéticos. E problemas derivados dun Goberno da Xunta fracasado, sen proxecto e sen ilusión, sen ambición de país”.

Neste contexto, a dirixente do Bloque anima a apostar por un cambio real aproveitando a cita electoral.

“Este 2020 os galegos e as galegas poden dar un paso adiante, cambiar este guión e mudar tanto a discriminación que impoñen as forzas estatais como pasar páxina do fracaso do Goberno Feixóo abrindo un tempo novo no que podamos mirar con esperanza o futuro e poñamos en valor o enorme potencial e as capacidades do país, nas que no BNG confiamos”.

A líder nacionalista tamén incidiu nunha segunda cuestión na súa valoración do discurso, en relación a referencia do xefe do Executivo sobre as bondades de rectificar os erros.

“Asegura que a mellor maneira de aprender é escoitando o que queren dicirlle os galegos e as galegas, sen embargo o Goberno de  Feixóo nin rectifica, nin escoita: non escoita nin rectifica os recortes en sanidade como vemos co peche do paritorio e das urxencias pediátricas no Hospital de Verín, ou cos sucesivos recortes en atención primaria; non rectifica a súa falta de política industrial; non rectifica os seus pactos coa extrema dereita pese aos seus ataques aos dereitos das mulleres, e tampouco rectifica a súa política lingüística”.

2020, a oportunidade dun cambio real

De feito, salientou, “non deixa de ser un sarcasmo que pretenda apropiarse da Xeración Nós ou de Blanco Amor precisamente cando eles representaron a confianza no potencial do país, a defensa do noso idioma, xusto o contrario do que ben facendo o Goberno de Feixóo que se por algo se caracterizou foi por ser o primeiro presidente que recortou os dereitos aos galegos e galegas, que recortou o dereito ao uso do noso idioma, que limitou o seu uso no ámbito do ensino”.

“Ou un presidente que demostrou que non confía en Galiza porque non quere máis autogoberno para o país. E aí está ese balance de dez anos sen unha nova competencia”. En definitiva, “o discurso dun goberno esgotado e dun presidente sen proxecto un aliciente para que en 2020 as cousas cambien a mellor para Galiza abrindo unha nova oportunidade para os galegos e as galegas”, concluíu.