BNG | Redacción Galiza

A portavoz nacional, Ana Pontón, abriu as xornadas de traballo organizadas polo BNG en Pontevedra baixo o título Retos desde Galiza para avanzar en feminismo proclamando o seu orgullo de vivir nun país que sae á rúa para deixar claro que as mulleres non están dispostas a calar ante sentenzas “que destilan o máis rancio machismo xudicial” alentando a impunidade dos violadores e deixando indefensas ás vítimas.

Ante o fallo xudicial do coñecido como caso da manada, Pontón anunciou que o Bloque vai levar á Cámara galega unha proposta de reprobación dos xuíces que ditan a sentenza ao entender que se trata dun caso de machismo xudicial que afecta a todas as mulleres.

“Rexistraremos iniciativas no Parlamento para reprobar a estes xuíces machistas, reclamar que as agresións sexuais sexan xulgadas como casos de violencia de xénero e promover os cambios que sexan necesarios para que os xuíces que emiten sentenzas machistas, -porque está non é a primeira nin é a única-, teñan que ser apartados da carreira xudicial”, argumentou Pontón.

Xornada feminismo 3A dirixente do Bloque alega que esta sentenza “non é un problema puntual ou individual, senón un caso máis de machismo xudicial que nos afecta a todas, e non imos permitir que nin a manada, nin os xuízos que amparan a súa violación se saían coa súa. Xustiza é a que trata con dignidade ás mulleres”, salientou. Pontón quixo tamén enviar unhas palabras de alento e solidariedade coa moza que denunciou os feitos: “Nós si que te cremos, a ti e a todas as vítimas das agresións sexuais”.

Para a portavoz do BNG “non valen as equidistancias” nin as cortinas de fume en forma de debates sobre o código penal. “Que se cambie o que se teña que cambiar pero tamén é evidente que coa actual lexislación eses cinco machotes podían ter sido condenados por violación cando menos ao 22 anos de pena que solicitaba a Fiscalía, e non se pode tolerar que as mulleres sexamos tratadas como cidadáns de segunda, xa está ben de soportar tanta discriminación”.

Xornada feminismo 4Para loitar contra esa discriminación e contra un poder xudicial “ao servizo do machismo, do patriarcado e de manter o status quo”, Pontón ve imprescindible “fortalecer o feminismo organizado en Galiza e un feminismo forte no ámbito político, e o BNG está disposto a situar ao feminismo no centro do debate tendo en conta as particularidades dun país que non ten poder político real”.

Feminismo no ADN do BNG

“Iso provoca que soportemos máis paro, peores salarios, emigración e se hoxe no Estado se puxera cara á desigualdade sería a dunha muller galega pensionista, síntoma de que a dependencia política que soportamos fai necesarias propostas específicas sen caer nun feminismo de corta e pega que non atenda a nosa realidade, non para afastarse senón para ampliar as zonas de contacto que nos permitan entender as causas da desigualdade e combatelas”, explicou a dirixente do Bloque.

Pontón lembrou que o feminismo está na “base fundacional” do BNG, que foi esta forza política á que en 1996 impulsou desde o Congreso a despenalización do aborto e que foi tamén o Bloque quen,  desde o Goberno da Xunta, fixo posible en 2007 a Lei e violencia de xénero máis avanzada de todo o Estado convertida nunha referencia.

Xornada feminismo 1A xornada Retos desde Galiza para avanzar en feminismo celebrouse nun contexto de mobilización masiva do pasado 8M e no medio da onda de indignación social contra sentenzas xudiciais que desamparan ás vítimas de violencia machista.

Coordinada polo responsable de Acción Feminista, Noa Presas, contou con tres grupos de traballo e de debate: Accións e mobilizacións a realizar, a cargo de  Carme Fouces e Sabela Bará; Participación e implicación no feminismo, por Rebeca Cambeiro e Concha de la Fuente e Conciliación dos tempos das nosas vidas, por  Elvira Lombao e Ana Gundín.

 

Deja un comentario