Pontón fixo referencia en rolda de prensa á decisión “sangrante e inaceptable” de pechar o paridoiro e as urxencias pediátricas no Hospital de Verín adoptada polo presidente da Xunta, “actuando en contra dos dereitos das mulleres e dos dereitos da infancia”. O argumento de que non foi posible atopar profesionais para cubrir o servizo de atención especializada aos nenos e nenas de Verín non convence á dirixente do Bloque.

“Se Feixóo non é capaz de contratar pediatras que se faga a un lado, que dimita porque sería a maior proba da súa incompetencia”, salientou, tras parabenizar á veciñanza pola mobilización en defensa dos servizos sanitarios, “se o PP pensa que se van cansar equivócase”, augurou.

Vídeo Recomendado:

O BNG vai levar o asunto de novo ao Parlamento a través dunha proposición non de lei para debater e votar en Pleno, “unha segunda oportunidade para que Feixóo rectifique”. Neste sentido, a nacionalista fixo un chamamento aos deputados e deputadas por Ourense que, supostamente, discrepan da decisión do xefe do Executivo para que apoien cos seus votos a iniciativa nacionalista, “e que o Goberno da Xunta reciba un mandato claro do Parlamento”.

“O que pedimos é que poñan os intereses das mulleres e dos nenos e nenas de Verín por riba das siglas partidarias, que Baltar demostre a súa coherencia”, indicou Pontón en relación á suposta discrepancia do presidente provincial dos populares.

Galiza, sempre por diante

A preguntas dos medios en relación á decisión de non acudir á ronda de consultas de Felipe VI, a dirixente nacionalista salientou que cambiou o contexto político e social.

“Hoxe hai  unha maioría que non comparte a existencia dunha institución antidemocrática e anacrónica que,  ademais de non cumprir ningunha función para a sociedade, incrementou o seu descrédito salpicada por numerosos casos de corrupción. A defensa dos intereses de Galiza faise traballando nas institucións e iso é o que faremos no Congreso porque é aí onde nos temos que facer valer”, explicou.
Pontón recalcou que o que move o traballo e a actuación política do Bloque na Cámara baixa é a defensa dos intereses dos galegos e das galegas, “por riba de todo, con independencia de manteñamos un diálogo con outras forzas políticas, en particular coas que temos máis sintonía, como poden ser a outras forzas nacionalistas, pero sempre poñendo por diante os intereses de Galiza”, sentenciou.