A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou no mitin de As Pontes que a crise do sector industrial galego constata como poucos “o desprezo” das forzas estatais, o ninguneo do bipartidismo PP-PSOE que se alterna no agravio a este país segundo quen se sente na Moncloa, mentres Galiza permanece “muda e ausente” do debate por falta de peso político en Madrid.

Recuperar peso político é unha urxencia, declarou, e para iso instou a utilizar a cita electoral do 10N para responder nas urnas a unhas forzas estatais que “discriminan” os galegos e as galegas, incluídas as súas sucursais con 23 deputados e deputadas electas “que non abriron a boca a favor de Galiza nin unha soa vez, ao contrario, só para defender o impresentable desprezo dos seus xefes de filas”.

Por iso, proclamou, é hora de “facerse valer” ante o Estado, recuperar voz propia da man da única forza política libre para defender os intereses deste país. “Os deputados e deputadas do BNG van usar a forza que nos dean os galegos e as galegas o 10N para condicionar a investidura a que haxa unha solución de futuro para a planta de ENDESA e para o conxunto das empresas electrointensivas”, salientou Pontón.

Unha solución que no caso da factoría das Pontes pasa por, en primeiro lugar, conseguir que o Goberno do Estado non autorice o peche acelerado que solicita empresa e, en segundo lugar, pola constitución urxente dunha mesa de traballo como a que propón o BNG con todas as administracións implicadas e coa parte social.

Acto As PontesO que non é de recibo, recalcou,” e ver ao bipartidismo de PP-PSOE instalados no pim-pam-pum con Galiza, mentres hai 700 postos de traballo directo en xogo nas Pontes e 6.000 no sector industrial afectando a comarcas enteiras de norte a sur.  O que non é de recibo en que, ante esta desertización industrial, Feixóo se despache dicindo que está preocupado, o que ten que facer é ocuparse, exercer as súas competencias e dar solucións porque senón é capaz de poñer alternativas sobre a mesa debe dimitir e non seguir nin un minuto máis como presidente da Xunta”, denunciou.

Tras quedarse ás portas de obter representación o 28A, Pontón fixo un chamamento á mobilización de militancia e simpatizantes para conseguir que o 10N Galiza volva a recuperar peso político no Estado, “un voz propia, firme e sen ataduras”, como xa teñen vascos, cataláns, canarias, valencianas, e mesmo Cantabria.

“Galiza non pode seguir muda porque perde oportunidades, ou condicionamos a política do Estado ou veremos como seguen tomando decisións en contra deste país”, por iso, subliñou, hoxe son máis as persoas que, con independencia do que votasen noutras ocasións, “teñen claro que co BNG no Congreso a partir do 10N, Galiza gana, que saben que nos lles imos fallar e que os deputados e deputadas do Bloque, nun escenario sen maiorías absolutas, van marcar a diferencia a favor dos e das galegas”.

Comarca desmantelada

Na súa intervención, o candidato ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, tamén fixo fincapé na urxencia de buscar unha solución para o peche de ENDESA, porque este país «non se pode permitir o desmantelamento do sector industrial cunha produción que descendeu un 6,30% desde o 2009 e cunha caída da ocupación do 10,85%».

“Esta empresa obtivo beneficios multimillonarios coa explotación dos nosos recursos e agora o peche suporía un novo mazazo para unha comarca especialmente golpeada polo demantelamento industrial. O BNG exixirá unha transición enerxética xusta, que garanta a conservación dos postos de traballo», sinalou.

Neste sentido, comprometeuse a ser «a voz galega que defenda en Madrid os intereses deste país porque non nos podemos fiar doutros partidos que xa demostraron o pouco que lle interesamos». Así, lembrou que cando o BNG foi determinante, os orzamentos destinados a Galiza superaron os 2.000 millóns de euros fronte ás últimas contas aprobadas que destinaban ao noso país tan só 750 millóns, menos da metade, «o que demostra o rendíbel que é a presenza do Bloque no Congreso, porque os únicos intereses aos que responde é aos de galegos e galegas».

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario