A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou na presentación da candidatura do BNG ao Concello de Cambre nas eleccións municipais do 26 de maio, candidatura encabezada polo actual concelleiro de Cultura, Transporte e Mobilidade, Daniel Carballada, para o que pediu o apoio da veciñanza, pois representa, dixo, “un proxecto solvente capaz de conseguir que o concello avance”.
“Pido o apoio para o proxecto sólido e transformador para Cambre que representa o BNG da man do candidato Dani Carballada, unha alternativa que busca mellorar a vida das persoas poñendo no centro un novo modelo de cidade, apostando por un urbanismo de calidade, por unha mobilidade sostible dentro do concello e tamén na comarca e que aposta por recuperar a ría do Burgo, fonte de riqueza que debe ser rexenerada na súa integridade”, salientou a dirixente do Bloque.
Pontón puxo en valor o traballo desenvolvido pola formación nacionalista ao longo desta lexislatura, tanto do concelleiro responsable de Deportes, Brais Cubeiro, como do candidato, a quen definiu “como unha persoa nova, preparada e con experiencia que madurou neste concello, un candidato que conta cunha equipa preparada para facer de Cambre un lugar mellor para vivir”, proclamou.
Pola súa parte, o candidato pediu o apoio ao BNG o 26 de Mario a todas aqueles veciños e veciñas “que queren avanzar en igualdade e en calidade de vida, dende a esquerda real e transformadora, defensora do público”. Carballada puxo en valor a candidatura nacionalista que definiu como “a casa común da esquerda real e transformadora” na que teñen cabida persoas de diversas sensibilidades.
“Persoas con procedencias diversas pero cun anhelo común: facer de Cambre un concello de primeira, con máis calidade de vida, cun urbanismo ao servizo da veciñanza e unha programación cultural e deportiva á altura dun dos municipios máis novos e dinámicos da comarca”.
Carballada tamén fixo fincapé en que a proposta do BNG prioriza a defensa duns servizos públicos de calidade “construídos sobre unha administración municipal que debe ser útil e áxil”, empezando por dispoñer de servizos socias “que respondan ás demandas das persoas residentes”.
Neste sentido, o candidato nacionalista subliñou que o 26M é unha oportunidade “para pasar páxina e escribir un nova capítulo da historia colectiva de Cambre e quen mellor pode escribir esas liñas son os homes e mulleres que integran a candidatura do BNG, que representamos un proxecto aberto, integrador, diverso e plural ao servizo da maioría social desta vila, e con ideas claras para marcar o camiño do Cambre do futuro”, concluíu.
Acompaña a Carballada como número dous o actual concelleiro de Deportes, Brais Cubeiro, nunha candidatura que está aberta a novas incorporación pero que xa suma a persoas independentes do tecido asociativo como Nieves Louro, Ana Fragoso ou Rodrigo Rodríguez Seoane, ou a persoas de longa traxectoria política como Marité Prieto.