A portavoz nacional, Ana Pontón, rematou a xornada electoral en Ponteareas onde apelou a sumar no BNG o voto de país e de todas as persoas que queren un cambio real nos concellos a partir do 26M, da man dun modelo transformador que mellora a vida da xente, como demostra nas vilas e cidades nas que goberna.

“Somos a mellor aposta e por iso pido concentrar no BNG todo o voto de país e todo o voto inconformista, das persoa que queremos que a fronte dos concellos haxa gobernos que se interesen pola vida das persoas, por ter espazos públicos de calidade, por xestionar ben o cada euro. En definitiva, concellos que signifiquen un avance para este país e, en Galiza, ese avance son os concellos liderados polo Bloque. A mellor aposta que podemos facer o 26”, proclamou.

En Ponteareas, Pontón puxo en valor o goberno nacionalista de Xosé Represas, candidato á reelección, que fai catro anos iniciou un cambio real no concello deixando atrás décadas “de caciquismo, despotismo e malgasto de cartos públicos dun PP que deixou as arcas municipais na ruína”.

En apenas catro anos, o actual alcalde e o seu equipo lograron poñer en pé “un concello democrático, que pensa o mellor para a veciñanza, cun proxecto transformador que non fixo máis que empezar”, salientou, e para que poda desenvolverse con máis forza, Pontón pediu “aglutinar na candidatura de Represas todo o voto nacionalista e progresista para que Ponteareas siga avanzando”.

Amosouse convencida de que ninguén quere volver ao pasado que representa o PP. “A opción das persoas que non queren un concello en branco e negro é a do BNG, que ten un proxecto cargado de futuro”, por iso, salientou, “é o momento de darlle máis forza” enchendo as urnas de papeletas do BNG este 26M.

Acto PonteareasPontón augurou para o BNG un gran resultado nos próximos comicios porque é unha forza “á alza”, fronte a un PP que ven de sufrir un descalabro electoral. “Vexo a Feixóo tocado porque sabe que o batacazo do 28A vaise repetir o próximo domingo  e por iso anda como alma en pena pedindo que todo o voto da dereita vaia para o PP, que disque só quere depender dos veciños. Que nos explique de quen depende o PP en Andalucía”, interpelou.

Salientou que o avance que se logre nos concellos será a antesala do “tempo novo” que precisa Galiza, “que estamos en disposición de liderar” cando en poucos meses se celebren eleccións galegas.  “Unha razón máis para votar Bloque este 26M, porque non só abre a esperanza nos concellos senón tamén a de asinar o finiquito de Feixóo”, recalcou.

Mobilizarse até o último minuto

“Queremos máis forza, máis BNG nos concellos e para iso hai que mobilizarse, falar con todas as persoas que coñecemos, petarlles no corazón e explicarlles o proxecto transformador que desenvolvemos onde gobernamos a favor das persoas. Mobilicémonos e teremos un gran resultado, mobilicémonos e seremos imparables”, recalcou en Ponteareas.

A actual eurodeputada é candidata, Ana Miranda, fixo balance do traballo en Bruxelas en defensa dos intereses de Galiza, con especial mención aos sectores produtivos, ao saneamento integral das rías, ás vítimas do Alvia impulsando unha investigación que PP e PSOE boicotearon tamén en Bruxelas, e as batallas a favor dunha Europa social, solidaria, con dereitos, unha Europa dos pobos.

Acto PonteareasOutra Europa é posible

Ademais de poñer sobre a mesa os problemas do país e reclamar solucións, Miranda tamén representa a todas os galegos e galegas que queren construír outra Europa, “que non coloque a banca e os lobbies empresariais por riba das persoas, que non lle peche ás portas ao drama das persoas refuxiadas, que non recorte dereitos sociais, laborais e en liberdades públicas”.

En definitiva, “votar BNG o 26M é darlle voz a Galiza pero tamén  deixar atrás esa Europa que non nós representa para  avanzar cara a que nós merecemos”, salientou.

Miranda pediu o voto para o BNG para volver ser, “aínda con máis forza” a voz de Galiza no Parlamento europeo: “o meu compromiso, fronte ao desleixo das forzas estatais con este país, e que o escano do BNG volva ser o escano do pobo galego”, recalcou.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario