A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo valoración do traballo político do BNG cando se cumpre un ano das eleccións do 12 de Xullo, data na que as urnas converteron á formación nacionalista na alternativa real ao Goberno do Partido Popular.

“Fai un ano os galegos e as galegas déronlle ao BNG a responsabilidade de ser a forza que lidera a oposición a un PP cada vez máis lonxe da realidade do País, mentres se agudizan os problemas como o envellecemento da poboación, a emigración da xente moza, a crise industrial ou os recortes nos servizo público. Un PP cada vez máis centralista que mira polo retrovisor o discurso racista, xenófobo, machista e antigalego da extrema dereita”, destacou Pontón, acompañada do grupo parlamentario repetindo a imaxe de fai un ano na entrada nobre do Parlamento.

“Un ano de traballo intenso onde puxemos o mellor de nós, do noso talento e do noso impulso, á hora de defender unha alternativa ao PP e facer de contrapeso a decisións que van contra os intereses do País, sendo referentes de moitos galegos e galegas e poñendo no centro do debate as cuestións que importan para mellorar a vida da xente: sanidade, políticas públicas, reclamar unha Galiza máis forte e con máis autogoberno”, destacou ante os medios.

Fronte a un Goberno de Feixóo que non aporta solucións aos problemas, asentado no centralismo, o Bloque actuou de “contrapeso”, facendo unha oposición “contundente na crítica pero construtiva, que formula alternativas e propostas, a cada crítica, unha proposta”, recalcou. Un BNG que soubo ler o momento excepcional da pandemia, e responder as expectativas dunha cidadanía que pedía “altura de miras”.

Un ano liderando a alternativa ao PP, no que a formación nacionalista centro o seu traballo no Parlamento na defensa da sanidade pública, con propostas no social como un plan de reforzo da atención primaria de 200 M€; en mudar o modelo privatizador das residencias por unha alternativa na que se deixe de facer negocio coa vellez.

No ámbito económico “deixámonos a pel”, recalcou, en evitar que os únicos recursos extraordinarios para saír da crise “rematen en frustración”, en referencia ao Next Generation, apostando por sentar as bases dunha economía verde, desde a ciencia e a investigación, para que eses fondos cheguen as PEMES e aos sectores produtivos e xeren o emprego capaz de frear a sangría da emigración.

“O PP vai noutra dirección, a de que un puñado de grandes empresas acaben levando a parte do león ao que se suma a súa incapacidade para evitar a centralización do reparto deses fondos”, critica a portavoz nacional. Destaca tamén todas as iniciativas para que a riqueza do País reverta no País, coa tarifa eléctrica galega como emblema ou a oposición frontal a un boom eólico depredador e a defensa dunha transición enerxética xusta para un sector industrial en declive.

Defensa de Galiza ante o Estado

Pontón tamén puxo o foco na defensa dos dereitos e das liberdades, empezando pola igualdade real nos dereitos das mulleres, “do que é mostra as dúas leis impulsadas pola formación nacionalista que serán aprobadas no último pleno deste período de sesións”, salientou, en referencia á Lei Ánxeles Alvariño para acabar coa discriminación que sofren as científicas cando son nais; e a lei para que a violencia vicaria sexa recoñecida como unha forma de violencia de xénero.

No balance deste ano posterior ás eleccións do 12X, non deixou pasar a defensa de Galiza ante o Goberno do Estado, tanto no Congreso como no Parlamento, “prioritario” para acabar coa discriminación na que se alternan PP e PSOE, dando debates para que se cumpran o acordo de investidura en cuestións como as rebaixas da AP9, recursos para combater a crise industrial, o saneamento das  rías e infraestruturas claves como o tren, concluíu.

Novo Goberno: que se lea o acordo de investidura e o cumpra

A preguntas dos medios sobre a crise do Executivo central, Pontón espera que todos e todas os ministros e ministras “lean desde a primeira á última páxina” do acordo de investidura asinado entre o BNG o PSOE, “e poñan prazos concretos de execución das medidas que o señor Pedro Sánchez comprometeu fai dous anos con Galiza, desde a baixada da AP9, transición xusta porque empezaron os despedimentos en ENDESA e non hai alternativas, infraestruturas, etc. Que os cambios supoñan cumprir co acordo de investidura e acabar co agravio ao noso País”.

DEJA UNA RESPUESTA