A portavoz nacional, Ana Pontón, realizou unha visita a Moaña onde mantivo un encontro coa alcaldesa, Leticia Santos, e a súa equipa de goberno, ás que trasladou os parabéns por ter convertido o concello nun referente de políticas ambientais recoñecidas co premio concedido polo Congreso do Medio Ambiente, de ámbito estatal; e coa distinción de Bandeira Verde de Galiza.

“Son políticas ambientais e sustentabilidade de vangarda que definen a marca de calidade dos concellos BNG, exemplos de xestión a favor da veciñanza, con políticas capaces de mellorar a calidade de vida das persoas apostando polo coidado do medio ambiente”, indicou Pontón, tras coñecer de primeira man algunhas da actuacións emprendidas polo Goberno local, como a posta en marcha da compostaxe colectiva como maneira de reducir o impacto dos residuos orgánicos.

Unha iniciativa que se suma a outras emprendidas polo equipa municipal que lidera Santos, como a aposta pola eficiencia enerxética coa instalación progresiva do alumeado de baixo consumo; o compromiso coas enerxías limpas cun contrato de subministro de enerxía procedentes de fontes renovables; a recuperación e posta en valor de espazos naturais ou as actuacións en materia de mobilidade sustentable, que a alcaldesa lle trasladou a Pontón durante a visita.

“Son as políticas dun goberno que ten entre as súas prioridades coidar o medio ambiente e apostar por sumar na construción desa Galiza verde e sustentable que defendemos desde o BNG, porque a sustentabilidade é unha necesidade imperiosa que a pandemia puxo aínda máis en primeiro plano, a urxencia de dar solucións a emerxencia ambiental, ao cambio climático e a perda de biodiversidade, porque está en xogo o futuro”, argumentou.

E nesa dirección, indicou Pontón, o que se fai desde Concello de Moaña “responde moi ben a vella máxima de pensa globalmente e actúa localmente, sabendo que todos e todas podemos aportar o noso grao de area para unha Galiza e para un planeta sustentables. Isto que se fai en Moaña e noutros concellos liderados polo BNG é o que queremos trasladar a todo o País”, alegou.

Nese sentido, o Bloque ten xa unha Estratexia ambiental integral recentemente presentada con propostas e solucións á emerxencia climática e ao deterioro do territorio, que inclúe trinta propostas de actuación en ámbitos como a biodiversidade, enerxía, axenda urbana, mobilidade, ciclo da auga, residuos e bioeconomía.

Pontón aproveitou a visita a Moaña, para anunciar que o BNG vai levar ao Parlamento a proposta de ampliación de Rede Natura 2000 até o 20% do territorio, o que permitiría case duplicar o espazo protexido e preservar habitats de valor ambiental ante o espolio do lobby eléctrico en pleno boom eólico, convertido en barra libre polo Goberno do PP.

A medida, que xa inclúe na súa Estratexia ambiental integral, poría fin a doce anos de parálise na ampliación baixo o paraugas da figura de preservación do territorio e da biodiversidade máis consolidada de Europa.

Protección ante o espolio do lobby eléctrico

“Galiza leva doce anos sen ampliar a Rede Natura 2000, e iso é unha decisión deliberada do PP porque moitos dos espazos que estaban na ampliación son agora candidatos a instalar parques eólicos cun impacto moi agresivo. Pero o Goberno de Feixóo en vez de defender a sustentabilidade do territorio está defendendo os intereses do lobby eléctrico”, denunciou Pontón. Por este boicot, hoxe Galiza está “á cola do Estado e da UE en espazos protexidos”.

A líder nacionalista explicou que ampliar o territorio protexido permitiría “paralizar os proxectos que non buscan o equilibrio ambiental senón a rapina das eléctricas, ante un Executivo de Feixóo que, lamentablemente, en lugar de defender o interese xeral actúa como un comercial das grandes empresas do sector”, denunciou.

Pontón indicou que a Galiza do futuro será verde ou non será, e por iso o BNG defende avanzar cara un novo modelo económico sustentable, baseado na ciencia e na investigación, no que os recursos naturais se poñan ao servizo do País, como demanda a maioría social, en particular a xente nova, concluíu.

DEJA UNA RESPUESTA