A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo no Parlamento unha axenda galega “para mover temas de país que levan anos enquistados” e para evitar que o cambio no Goberno do Estado quede reducido a unha mera alternancia no agravio e na discriminación a Galiza.

A líder do BNG reprochoulle a Feixóo que non tivese comparecido na Cámara para explicar que temas abordará no seu encontro con Pedro Sánchez e para buscar consensos cos grupos parlamentarios, ao tempo que expresaba o seu escepticismo de cara a un encontro no que o presidente da Xunta xa avanzou que actuará como representante do Estado.

“Non vai cunha axenda de temas relevantes para o país, senón que destaca a través dos medios que representa ao Estado en Galiza, declaracións de quen, efectivamente,  sempre exerceu como delegado do Estado pero nunca como presidente, pese a estar en xogo cuestións vitais para o país”, salientou.

Pontón ironizou co “cambio de relato” no argumentario do PP tras a moción de censura. “Agora están no guión delirante de que Euskadi e Catalunya nos rouban, pero é o Estado quen recada en Galiza ou quen impide que teñamos unha tarifa eléctrica galega que si teñen os vascos”.

Tamén puxo en solfa a tese da “multilateralidade” que agora abraza Feixóo.

“Preguntounos o Estado se o primeiro AVE era o de Andalucía, preguntounos se no sector naval a reconversión empezaba por Galiza ou se na reforma da PAC había que sacrificar ao noso sector a favor doutros territorios?”, interpelou, tras denunciar que o presidente da Xunta “súmase á estratexia de ir contra as nacións sen Estado e minusvalorar Galiza para deixala fora do tren da nacións”.

Para o BNG, a axenda galega debe incluír a transferencia da AP9, a supresión da estafa das peaxes, a chegada do AVE sen novas demoras pero tamén modernización do ferrocarril de cercanías, levantar a “inmoral” prórroga de ENCE, a devolución do Pazo de Meirás ou os 180 millóns de euros que o Estado debe a Galiza en dependencia.

Igualmente, suprimir as contrarreformas laborais, derrogar a lei mordaza e unhas pensións dignas. E na cuestión clave do financiamento, corrixir o déficit de recursos que chegan aos concellos en relación á media estatal, un concerto económico, capacidade fiscal plena e competencias de portos e de tráfico. “En definitiva, avanzar no autogoberno real tras o record de cero competencias durante a década de Feixóo como presidente”, concluíu.

Deja un comentario