A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou hoxe incrementar en 30 M€ o financiamento universitario, triplicar a contía das bolsas e impulsar a innovación na Universidade de Vigo, na súa visita ao campus universitario vigués.

Trala reunión co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, a portavoz nacionalista, acompañada da portavoz de Educación, Olalla Rodil, o candidato á Alcaldía de Vigo, Xabier Pérez e o responsable comarcal, Manuel Caride, asegurou que a Universidade é un “elemento básico” para o desenvolvemento de Galiza cunha sociedade máis formada e con capacidade crítica ademais de impulsar o emprego.

A portavoz nacionalista trasladou ao novo reitor algunhas das propostas que o BNG defenderá no Parlamento entre as que salientou a necesidade de mellorar o financiamento universitario porque as universidades galegas, explicou, contan con recursos insuficientes. Nesta liña avanzou que o BNG presentará “unha emenda nos Orzamentos” co fin de destinar 30 millóns de euros, no ano 2019, porque o plan de financiamento coas universidades tivo lugar no período de crise e agora que hai máis recursos, a Universidade non pode seguir “apertando o cinto”. Este incremento, dixo, posibilitaría ter profesorado con “menos precariedade, e máis recursos para innovación e investigación”.

Por outra banda, a líder do BNG tamén aludiu ás garantías de igualdade para o acceso á universidade e referiuse ao sistema de bolsas do que dixo, é preciso conseguir “a transferencia das bolsas universitarias para abordar unha oferta máis adaptada á realidade económica do noso país, así como un maior esforzo da Xunta triplicando os fondos primando na concesión de bolsas os criterios económicos para que filla dunha traballadora teña as mesmas oportunidades que o fillo dun empresario.

VIGO, CAPITAL DA INNOVACIÓN DE GALIZA

Vigo é a principal cidade de Galiza e como tal, recalcou Pontón, debe recuperar o pulso industrial a través da innovación e para que este proceso sexa posible e converter a Vigo na Capital da Innovación de Galiza é necesaria “unha aposta estratéxica pola universidade de Vigo e a innovación creando máis sinerxías entre as necesidades do tecido industrial e a propia investigación”. Dende o BNG, afirmou, comprometémonos con esa aposta que debe ir acompañada de mobilización de recursos e medios.

O CANDIDATO DO BNG Á ALCALDÍA ACUSA Á ADMINISTRACIÓN DO CONCELLO DAS DEFICIENCIAS DO TRANSPORTE ENTRE A CIDADE E A UNIVERSIDADE

Pola súa parte, o candidato do BNG á Alcaldía, Xabier Pérez sinalou que deben ser mellorada a conexión do transporte. Na súa opinión, hai que resolver o déficit das lanzadeiras e reducir os tempos de traxecto entre a cidade e a Universidade, unha situación da que responsabilizou “á administración do concello de Vigo”.

Para o candidato nacionalista debe existir unha maior presenza da Universidade na cidade polo que propuxo que o concello sexa “un actor determinante” para que Vigo sexa concibido como “unha cidade universitaria. Dende o BNG, consideramos que Vigo debe converterse na “Cidade da Innovación e Tecnoloxía” e para conseguilo hai que “dotar e robustecer” o sistema universitario e o campus da cidade. As deficiencias no transporte é un claro exemplo do “divorcio entre a Universidade e a cidade de Vigo”, concluíu.

Deja un comentario