A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitou a comparecencia da Xunta de Portavoces para replicar a Feixóo quen, tras sumarse á unha proposta do BNG para conseguir o máximo teito competencial,  agora pretende aparcar ese debate alegando que hai que corrixir o recorte de investimentos do Estado.

Pontón lamenta o “ridículo sideral” do presidente galego e replícalle que é perfectamente posible defender en paralelo máis autogoberno e máis investimentos.

“Había un tempo no que o PP presumía de ter un presidente ao que lle cabía o Estado na cabeza, non lle pedimos tanto a Feixóo pero si como mínimo que sexa capaz de defender dúas iniciativas a favor de Galiza: conseguir máis investimentos nos orzamentos do Estado e conseguir cando menos as mesmas competencias que Euskadi e Catalunya para mellorar a vida dos galegos e das galegas”, indicou Pontón.

“Hai alumnos e alumnas de primaria aos que se lles esixe un rendemento maior” que dúas tarefas simultáneas, ironizou Pontón.

A líder do BNG considera que o intento de dar marcha atrás en materia de autogoberno só ten dúas explicacións. “Ou ben Feixóo é un incompetente en termos políticos para defender os intereses deste país ou ben o señor Casado xa lle tirou das orellas e deulle ordenes de que non tocan máis competencias para Galiza”, alegou.

De cara ao próximo pleno, o BNG leva dúas proposta que exemplifican que si se pode traballar en paralelo para conseguir máis autogoberno e máis investimentos. A formación nacionalista abre a súa ofensiva a favor de máis poder político cunha proposición de lei reclamando as competencias de salvamento marítimo e unha proposición non de lei para corrixir a discriminación de Galiza nos orzamentos do Estado, “outra labazada máis”.

“Precisamos un presidente serio que sexa algo máis que un monicreque de Casado”, recalcou, “pero moito me temo que vai seguir facendo o mesmo que nos últimos dez anos con Raxoi: volver traizoar aos galegos e as galegas”, criticou Pontón, quen advertiu das gravísimas consecuencias desta submisión a Madrid.

ALCOA con 400 empregos directos na picota, o ERE anunciado para Ferroatlántica, a persistencia da estafa das peaxes imparable na súa escalada, recibo da luz que non para de subir pese a sermos unha potencia en produción eléctrica, e un sistema de financiamento que cada vez aporta menos recursos a este país.

Chamamento á manifestación sanidade pública

O deterioro da sanidade pública será o tema de cara a sesión de control, por ser un problema social que afecta a saúde das persoas. “É preciso desmontar as mentiras do PP, non hai máis recursos no sistema público, é falso que se reduciran as listas de espera e non hai un compromiso real para acabar coa precariedade laboral dos profesionais da sanidade”, sintetizou.

Pontón fixo un chamamento á participación na manifestación en defensa da sanidade pública convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública que terá lugar este domingo en Santiago.

E, de novo, a estafa das peaxes da AP9 será tratada en pleno cunha iniciativa na que se pide aplicar os mesmos descontos que o Goberno de Sánchez ven de aprobar para as radiais madrileñas:  redución do 30% nas tarifas e gratuidade nocturna. Iso á espera de acadar unha AP9 galega e libre de peaxes.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario