A portavoz nacional, Ana  Pontón, arrancou o seu discurso na Quintana, este ano tamén con pantalla desde Praterías, presumindo de Galiza como “un gran País” pola súa cultura, pola súa lingua, polos seus recursos e, sobre todo, “pola súa xente”, un pobo que demostrou do que é capaz co seu comportamento exemplar durante a pandemia. “Foi esa xente grande”, recalcou, -a que deu o mellor de si durante a crise, sobre todo na sanidade pública e nas residencias-, “a que fai a Galiza aínda máis grande”.

Unha Galiza sen límites da man du BNG que tampouco se pon límites e que se presenta como a alternativa real e solvente para liderar o País.

“As galegas e os galegos teñen no BNG a alternativa sólida, solvente e fiable para liderar o País, recalcou Pontón, quen convida a seguir sumando “nun BNG aberto e plural onde teñen cabida todas as persoas que lle queren a Galiza e buscan un futuro mellor, todas as persoas que poñan por diante a defensa dos intereses deste País. Recibirémolas cos brazos abertos”.

Día da Patria Galega (2021) - 5Fronte á Galiza “pequena” e de mirada curta que propón o Goberno dun Feixóo que nin se atreve a reclamar máis competencias,  está a Galiza sen límites do BNG que reclama un novo status de nación.

“Feixóo non quere competencias, porque a mais competencias máis se lle ve a súa incompetencia”, ironizou, “basta xa desa mirada miope e acomplexada, que pasa tanto tempo mirando para Madrid que non ve a riqueza que lle rodea”.  Por contra,  destacou Pontón, desde  o Bloque Nacionalista Galego,  “nin queremos poñernos límites, nin que outros nolos poñan, non queremos que nos impidan camiñar cara a un novo status de nación, porque Galiza non pode quedar na liga das rexións, temos que xogar na liga das nacións”, proclamou.

Esa Galiza de futuro é a que defende o BNG coas mans libres, o que lle permite defender os intereses dos e das galegas nos retos de País, fronte as forzas estatais submisas ao centralismo e ao servizo dos lobbys económicos a través das portas xiratorios.

Día da Patria Galega (2021) - 3“A diferenza doutras forzas políticas que teñen que render contas en Madrid, o BNG só ten que dar contas contas ante o pobo galego, e temos as mans libres fronte o centralismo e fronte aos poderes económicos e con esa liberdade podemos defender unha tarifa eléctrica galega e denunciar os privilexios das eléctricas ou o boom eólico depredador, porque non temos ningunha porta xiratoria”, recalcou, tras destacar o traballo “insubornable” do Concello de Pontevedra para trasladar ENCE e recuperar a ría, poñéndose do lado do interese da maioría social.

Liberdade fronte a submisión ao centralismo e ás portas xiratorias

Unha liberdade que tamén lle permite ao BNG denunciar a corrupción do Rei emérito, nun Estado español no que se considera delito “dicir as verdades sobre os Borbóns, pero se avalan por lei as mentiras sobre os MENAS”. E a mesma liberdade que lle permite asinar un acordo de investidura beneficioso para Galiza, “que deixa en evidencia a submisión das forzas estatais”, destacou.

Neste sentido, Pontón advertiu ao Goberno de Sánchez que se equivoca repetindo con Galiza a mesma discriminación que practicou o PP, e que os galegos e as galegas tomarán nota.

“Repetindo as políticas do PP equivócase o goberno  progresista de Sánchez, ese no que só progresa o prezo da luz e os beneficios das eléctricas, pero non progresa a derrogación das reformas laborais, da lei mordaza e o cumprimento dos acordos con Galiza. Terá a resposta que se merece: máis BNG no Congreso”, proclamou.

Nun momento de crise sen precedentes en tempos de paz, e cun País que debe encarar grandes retos para saír adiante, en particular no económico e cunha xeración de xente moza obrigada a elixir entre precariedade, paro ou emigración, Pontón pregúntase onde está Feixóo.

Día da Patria Galega (2021) - 19Feixóo, oposición da oposición

“Pois está a todo menos a gobernar e a solucionar os problemas, botando balóns fora cando veñen mal dadas e apuntándose medallas que non lle corresponden”, criticou, e sobre todo, “está facendo de oposición da oposición, e se a súa ilusión é exercer de oposición do BNG, que non se preocupe, faremos todo o posíbel para que pase a portavoz da oposición e cumprir os seus desexos”, ironizou.

A Galiza do futuro ten por diante grandes desafíos e a formación nacionalista traballa en todos os ámbitos para darlles resposta. Empezando por tomar nota das leccións da pandemia: reforzar a sanidade pública, -iso é o  que se precisa máis aló das medallas e recoñecementos, necesarios pero insuficientes-, e un novo modelo de residencias que garanta o dereito a unha vellez digna. E  precisamos algo máis que ser un destino turístico, para evitar que a xente moza sega a coller as maletas por falta de oportunidades.

“Queremos producir aquí para todo o mundo e facelo de maneira sostíbel, queremos ser referente na ciencia e na investigación, en campos como a biomedicina, investigación mariña, enerxías limpas,  medrar sen renunciar a quen somos, con orgullo de ter unha lingua propia que nos abre moitas portas no mundo, queremos unha Galiza feminista, inclusiva, libre de discursos de odio e intolerancia”, salientou, ao tempo que mandou toda a solidariedade coa familia de Samuel.

O BNG non vai escatimar esforzos, traballo e talento para construír esa Galiza, “porque se nós non nos poñemos límites, Galiza non terá límites e temos todo para ser a envexa de Europa, e porque fronte aos que ven unha Galiza pequena, nós vemos un gran País”, concluíu.

DEJA UNA RESPUESTA