Pontón acusa a Feijóo de protagonizar un espectáculo «bochornoso» coa súa reclamación ao Goberno de que Galicia poida investir o superávit en sanidade. «Cando lle dixeron que si pero Casado votou en contra, agora –Feijóo– tamén di que non lle vale», manifestou, en entrevista en RNE.
Para a líder nacionalista, é «un auténtico pitorreo» que reflicte que o PP de Galicia está nunha «campaña preelectoral» na que «utiliza as institucións unicamente como arma arreboladiza porque os seus non gobernan en Madrid».
É máis, cualificou a actitude do máximo mandatario galego de «cínica», porque agora o PP «se rasga as vestiduras polas normas que el mesmo impuxo» con carácter «centralista» e que até Feijóo «apoiou entusiásticamente».
Preguntada sobre as críticas de Feijóo á alianza coa que o BNG concorrerá ás eleccións europeas, con Bildu e ERC, Pontón replica que sería o presidente galego quen tería que explicar a súa «alianza coa extrema dereita antigallega, racista e machista», e defende que a coalición lle permitirá a Galicia ter «voz propia» en Europa.
A só tres semanas das eleccións xerais do 28 de abril, Ana Pontón reivindica a necesidade de que o BNG volva estar presente no Congreso dos Deputados, do que quedou fóra en 2015, para defender os intereses de Galicia «sen ataduras», fronte á «inutilidade das forzas estatais» coas demandas galegas.