Anova denuncia o descontrol ambiental tolerado pola Xunta de Galicia na mina de Varilongo

0
114
Balsa abandonada no complexo mineiro de Varilongo / Ecoloxistas en Acción

A formación respalda as denuncias dos colectivos ecoloxistas contra as verteduras de augas residuais procedentes da contorna da antiga explotación, presumiblemente ácedas e con presenza de metais pesados.

Balsa abandonada no complexo mineiro de Varilongo / Ecoloxistas en Acción

Para Anova, este descontrol ambiental tolerado en Santa Comba leva a “marca da casa” do director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais Ángel Bernardo Tahoces, que xa foi imputado por un caso semellante na mina de San Finx, e que demostra unha vez máis a complicidade do Goberno de Feijóo con prácticas contaminantes sostidas no tempo.

A día de hoxe, a realidade en Varilongo é que pese a non contar con permiso de vertedura ao dominio público hidráulico estanse a producir estes feitos de maneira ilegal ao non contar a concesionaria coas autorizacións administrativas e ambientais necesarias, pois como veñen denunciando varias organizacións a Resolución de transmisión dos dereitos mineiros do 25 de marzo de 2009 esixía como requisito previo un procedemento de avaliación de impacto ambiental.

O máis sorprendente é, sen embargo, que mentres esta situación segue a acontecer, dende a Administración autonómica non se actúa como sería preceptivo, paralizando de inmediato a actividade e incoando o correspondente expediente sancionador, o que demostra que unha vez máis a Xunta de Galicia opta pola tolerancia con este tipo de prácticas contaminantes e actúa como colaborador necesario amparando a actividade da empresa á marxe da legalidade vixente.

Anova demanda á Xunta de Galicia que remate coa eterna opacidade na súa política mineira, que na práctica impide ter un control real do que acontece nas explotacións en caso de prácticas irregulares, co obxectivo de que ninguén faga negocio a costa de danar ao medio ambiente e endosar ás arcas públicas os pasivos ambientais que debería asumir o promotor da actividade extractiva.

Dejar respuesta