A tramitación e aprobación de declaracións de impacto ambiental dun gran número de parques eólicos por parte da Xunta de Galicia que afectan a zonas de humedais como brañas, lagoas ou turbeiras parécenos dende Anova unha actuación moi preocupante pola importancia ambiental destes espazos para o futuro.
Exemplos disto son os parques da Braña Ancha, en tramitación, Lagoa II coa DIA aprobada, Monte do Gato, Sasdónigas, Campelo, Monte Toural, Parque eólico de Maragouto e un longo etc…
As brañas, turbeiras e, en xeral, os humidais son hábitats fundamentais para a conservación da biodiversidade e para a loita contra o cambio climático pola súa capacidade de captura de CO2 e para o correcto funcionamento do ciclo hídrico.
Non por casualidade son considerados hábitats prioritarios para a súa conservación e dende a UE, dende a súa xa antiga demanda de ampliación da superficie de Rede Natura en Galiza, fan fincapé en que estes hábitats deben de ser obxeto de ampliación e protección.
A Xunta de Galicia, coa súa actitude de connivencia coas grandes empresas do sector eólico, está a facer todo o necesario para que as políticas de protección da natureza non sexan un obstáculo para o seu negocio.
Mantén esquecida a proposta de ampliación da Rede Natura, evitando así a protección de espazos nos que se están a tramitar proxectos que non poderían ser tramitados si simplemente se presentase esa proposta, moitos deles en zonas humidas que deberían de ser protexidas por ser hábitats estratéxicos na loita pola preservación da biodiversidade e contra o cambio climático.
Outro exemplo de desleixo coa protección ambiental destes hábitats prioritarios é que, despois de 13 nos de goberno, non incluiu nin un só humedal no Inventario de humidais creado polo Decreto 127/2008, que é o paso previo para que poidan ser declaradas Zona Húmida Protexida.
Así, co argumento falaz da “loita contra o cambio climático” estase a impulsar unha avalancha eólica de tal xeito que afectan espazos fundamentais nesa loita, o que comporta un balance negativo na loita contra a crise climática e a perda de biodiversidade.
“O Goberno galego conxelou instrumentos de protección natural para favorecer o negocio das eléctricas. O negocio non pode primar sobre o interese xeral e a Xunta non pode seguir a traballar para o oligopolio.”, declarou o portavoz nacional Antón Sánchez.
O que non pode ser é que, co suposto obxetivo da loita contra o cambio climático, se agredan espazos fundamentais na captura de CO2, na conservación da biodiversidade e o funcionamento do ciclo hídrico. É un contrasentido.
Dende Anova demandamos a rectificación destas políticas de desenvolvemento eólico para que se poña no centro a conservación da biodiversidade como garantía dun futuro limpo, digno, equilibrado e de respecto polo medio.
“Antes da implantación de todos estes parques eólicos tería que haber planificación e terían que estar aprobados e aplicados todos os instrumentos que son condición mínima e imprescindible para un desenvolvemento eólico sustentable; un novo Plan Sectorial Eólico que pase unha avaliación ambiental estatéxica, a ampliación da Rede Natura e unha correcta catalogación dos espazos naturais e patrimoniais a preservar”, manifestou, para rematar, Antón Sánchez.