A formación nacionalista celebra que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza bote abaixo a repotenciación dun parque de EDP Renovables logo de alterar o Goberno galego o procedimento de avaliación ambiental vulnerando no camiño dúas directivas europeas.
Para Anova esta nova sentenza pon de manifesto que “a única política da Xunta de Galicia no sector eólico é o negocio das grandes empresas aínda que teña que pasar por riba da cidadanía, da paisaxe, do patrimonio ou da biodiversidade“.
“Cando xa está demostrado que non se dan as condicións de planificación, protección do territorio e participación cidadán nos procesos a Xunta de Galicia non pode seguir abocando a que a guerra xudicial sexa a única defensa. Debe parar esta desfeita e rectificar a súa política de espolio eólico”, declarou Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova.
No caso da repotenciación do parque eólico de Corme, o TSXG evidencia a vulneración dos dereitos da cidadanía á participación nestes procedementos e pon en solfa a Lei 5/2017 de fomento de inicitaivas empresariais -máis coñecida como Lei de Depredación- cuxo obxetivo fundamental foi dificultar a oposición a calquera proxecto, reducindo os prazos de participación cidadán.
A sentenza pon de manifesto o incumprimento da normativa europea en materia de avaliación ambiental, que esixe un mínimo de 30 días para que a xente poida informarse e alegar, sinalando tamén como ilegal que se fixese o proceso de participación pública sen a presenza dos informes sectoriais correspondentes.
Por estes motivos, Anova esixe que se deteña a actual avalancha eólica porque “non se dan as garantías de planificación, protección ambiental, paisaxística ou de participación cidadán”, e se elabore democráticamente outra normativa “que sexa respectuosa con todos eses valores e racionalice e democratice o sector”, incluindo un novo Plan Sectorial que actualice o xa “desfasado” de 1997, unha proposta de ampliación de Rede Natura, a necesaria protección dos humidais e especies ameazadas e un modelo económico que poña en mans da xente o control do sector.
“De non rectificar, Feijóo estará abocando á cidadanía a unha guerra xudicial a sabendas de que se producirán moitas máis sentenzas como esta, como antes xa aconteceu con Sasdónigas ou O Iribio” -inciden desde Anova-.