A formación considera que ambos proxectos están a condensar “os peores vicios do modelo de desenvolvemento eólico” polo que está a apostar o Executivo español e a Xunta de Galicia.
Para Anova, os proxectos Prada e Alto Cabrera “son dous dos maiores exemplos do modelo eólico do espolio vixente en Galiza” ao plantexar entre os dous a implantación de 60 aeroxeradores de 200 metros de altura en punta de pa “nunha das áreas de montaña más privilexiadas do noroeste peninsular”, unha zona que “pola actitude neglixente do Goberno da Xunta” non conta coa suficiente protección “logo de 12 anos de parálise da política ambiental tras a chegada de Alberto Núñez Feijóo ao Executivo autonómico”.
Anova considera que “de sair adiante estes proxectos afectarán a unha amplísima superficie que contén numerosos hábitats prioritarios e especies de interés comunitario nun contexto normativo de desleixo interesado cara a protección da natureza por parte do PPdeG” que “está a ser secundado” polo Goberno español, que “semella compartir en moitos puntos o salvaxe modelo de desenvolvemento eólico da Xunta”.
Para o grupo político en lugares coma o macizo de Pena Trevinca “é doado imaxinar o que acontecería con estes proxectos se a Xunta de Galicia tivese presentado a proposta de ampliación da Rede Natura tal e como esixe a UE, se tivese aprobados os plans de conservación e recuperación de especies ameazadas ou en perigo de extinción -dos que só fixo 4 de 200 dende o 2009-, ou o que acontecería si houbese un novo plan sectorial eólico actualizado que tivese que pasar por unha avaliación ambiental estratéxica que valorase os efectos globais que a nivel galego ten a implantación masiva de parques eólicos”. Porque a xuizo da formación “este tipo de iniciativas en zonas de altos valores ambientais, paisaxísticos ou xeolóxicos non se poderían nin plantexar se as cousas se fixeran coa orde debida”. Sen embargo, “é o desleixo programado de Feijóo co territorio o que permite que se plantexen este tipo de proxectos de alto impacto, en conivencia coa élite económica que manexa o sector e que ten no Goberno galego un sumiso servidor” -denuncia o grupo-.
“Si a Xunta actuase como un Goberno decente e non como un cómplice do saqueo teríamos ampliación da Rede Natura, plans de conservación e recuperación de especies ou un novo plan eólico racional pensado para un uso sostible do territorio, e estes parques nin se tramitarían. O goberno español non se pode aproveitar deste fraudulento xeito de actuar e debe rexeitar a tramitación dos parques eólicos Prada e Alto Cabrera”, declarou o portavoz nacional de Anova Antón Sánchez.
Para Anova “o que acontece cos parques eólicos Prada e Alto Cabrera é o paradigma do modelo espoliador deste tipo de proxectos, onde a cidadanía sae claramente prexudicada mentres os beneficios fuxen cara as grandes empresas mentres de maneira simultánea as administracións galega e española néganse ao control público e cidadán da enerxía”.
“Mentres a Xunta e o Goberno español desbotan o control público da enerxía facilitan que empresas como a norueguesa Statkarft e a Italiana Enel fagan negocio a costa da destrución do noso territorio“, declarou Antón Sánchez.
Por todos estes motivos Anova denuncia a burbulla “das mal chamadas renovables”, unhas enerxías alternativas “que están a servir única e exclusivamente para o beneficio das grandes corporacións sen ter en conta as verdadeiras necesidades de Galiza e do seu rural, nunha burbulla inflada con diñeiro e normativa pública á medida do oligopolio eléctrico” -remata a formación política-.