Anova esixe protección para a Costa da Morte ante a avalancha descontrolada de proxectos eólicos

0
24

A formación política reclama unha avaliación conxunta ante o elevado impacto que supón duplicar o número de parques eólicos na bisbarra.

Anova denuncia que ata 25 proxectos eólicos atópanse en tramitación na Costa da Morte, o que podería supoñer triplicar a potencia total instalada actualmente / Creative Commons

Dende o grupo recórdase que actualmente hai 24 parques eólicos cunha potencia total conxunta que supera os 200 MW, ao tempo que se están a tramitar na Costa da Morte outros 25 proxectos que triplicarían a potencia instalada, o que convirte a esta comarca “na máis ameazada dun país que sufre unha avalancha eólica sen precedentes”.

Anova recorda que estes 25 parques eólicos que pretenden levarse adiante “terán efectos ambientais, paisaxísticos e territoriais evidentes”, e que se están a traminar “sen facer unh avaliación conxunta dos seus efectos a curto, medio e longo prazo e sen inserilos nunha planificación pública dun desenvolvemento sostible da comarca que teña en conta a compatibilidade desta invasión con sectores fundamentais como son o sector primario e o turismo”.

Un turismo que, a xuizo da formación “queda sensiblemente afectado” mentres o Camiño de Santiago de Fisterra a Muxía “queda directamente laminado” xa que un roteiro en pleno crecemento “aparecerá como un camiño inzado e muiños e instalacións adxacentes”.

Para Anova, os impactos sobre o territorio dos 25 parques eólicos en tramitación veñen dados polo modelo eólico imposto dende o Executivo de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta “sen participación veciñal” e “cunha normativa obsoleta e feita á medida dos intereses das eléctricas coa xestión en mans das grandes corporacións”.

Neste senso, apuntan a que a meirande parte dos parques “ubícanse en lugares de alto valor ambiental e paisaxístico ou nas súas inmediacións” como os que se proxectan no monte das Salgueiras, en Ponteceso ou na contorna dos Penedos de Pasarela e Traba, entre Laxe e Vimianzo “sen que se teña levado a cabo a ampliación da Rede Natura demandada dende hai anos por Europa”.

PARALIZACIÓN DAS TRAMITACIÓNS

Por todos estes motivos, Anova esixe á Xunta de Galicia a paralización inmediata das tramitacións e que a Administración galega “adopte unha visión comarcal na implantación de renovables”, pedindo tamén aos concellos implicados que requiran esta “planiticación imprescindible” para o futuro e a paralización inmediata das tramitacións para que non se produzan efectos irreversibles” que si se produxeron nos últimos anos, por exemplo, en parques eólicos coma o de Mouriños (Naturgy), en Cabana de Bergantiños, que afectou á Serra do Gontón e a lugares de alto valor paisaxístico.

EÓLICOS DE TRAMITACIÓN ESTATAL

Anova-Irmandade Nacionalista indica, ademáis, que si ben o Goberno galego “leva anos traballando para beneficiar ás eléctricas”, semella que o Goberno español “non aposta por un modelo alternativo” ao autorizar a tramitación na zona de cinco parques eólicos de máis de 50 MW, polo que tamén reclama á Administración Xeral do Estado “que paralice as tramitacións que xestiona si realmente quere apostar pola sostibilidade” da Costa da Morte.

A COSTA DA MORTE, UNHA HISTORIA DE ESQUECEMENTO

A formación política apunta ademáis que na Costa da Morte “non se pode obviar a historia de esquecemento das Administracións” con respecto ao desenvolvemento económico da comarca, utilizada fundamentalmente para o espolio dos seus recursos naturais.

Si o goberno galego tivera dedicado unha pequena parte do esforzo que se ten feito para deseñar este atraco aos recursos naturais, en fortalecer un desenvolvemento económico local, os datos do desemprego, de renda dispoñible ou demográficos da comarca serían outros dos que se utilizan para defender a instalación de proxectos de economía extractivista, que non fixeron máis que agravar a situación”, manifestou Antón Sánchez.

Anova denuncia que a única política do Goberno galego coa Costa da Morte “é subastar as súas riquezas naturais” ao non existir “nin un plan de desenvolvemento económico, nin medidas para fixar poboación, nin conexión ferroviaria” de ninguna clase.

O voceiro de Anova manifestou igualmente que “a Costa da Morte precisa de políticas pensadas para o desenvolvemento económico endóxeno, que xere emprego local e que non hipoteque o seu futuro coas agresións ambientais e da paisaxe e contar cun modelo eólico máis xusto e participativo, onde o autoconsumo e a producción a pequena escala sexan principios básicos, a xestión. A invasión eólica en mans de fondos voitre, bancos, constructoras e eléctricas é xusto o contrario.Impactos a cambio de pouco emprego e poucos beneficios”.

Por iso, o grupo político considera como “imprescindible” a paralización desta avalancha de proxectos” para que “entre as Administracións e a poboación local se poida planificar un futuro en función do interese público da Costa da Morte e non do interese da porta xiratoria do PP”.

Suscríbete al boletín gratuito de Contrainformación y únete a los otros 814 suscriptores.

Suscríbete al boletín gratuito de Contrainformación y únete a los otros 814 suscriptores.

Dejar respuesta