O candidato ao Congreso pola provincia do Coruña de En Común-Unidas Podemos, Antón Gómez-Reino, declarou este domingo que “as enquisas marcan claramente que seremos determinantes para a gobernabilidade do Estado”. Nunha visita á Feira de Padrón, considerou que “comeza a semana decisiva” da campaña electoral e “hai que continuar mobilizando á cidadanía progresista, á cidadanía galega que quere defender a democracia, que é o eixo fundamental desta campaña”. Gómez-Reino valorou que “toda a xente que queira defendela ten que mobilizarse para evitar un Goberno das tres dereitas ou un do PSOE con Ciudadanos, que sería especialmente nocivo para Galicia”.

Fronte a estas opcións, defendeu a necesidade dun Goberno progresista “no que desde Galicia estea En Común-Unidas Podemos”, xa que “iso significa que haberá un Executivo que lle diga a AUDASA que a AP9 debe ser pública, gratuíta e transferida a Galicia. Significará que teñamos un Goberno que se preocupe polas rías galegas ou por subir o SMI a 1200 euros”.Polo tanto, o cabeza de lista pola Coruña sinalou que “é moi importante que teñamos o máximo número de deputados para que os galegos e galegas teñan forza, voz e representación no Goberno.

Antón Gómez-Reino referiuse tamén á celebración dos próximos debates electorais, que “nós sempre buscamos, mentres hai outras forzas políticas que os evitan sistematicamente”. O candidato pola Coruña criticou “a posición do PSOE e de Sánchez, evitando primeiro os debates, e facéndoo tamén nos medios públicos. Parécenos completamente fóra de lugar”. Nestas vindeiras citas “aspiramos a que a nosa candidatura á presidencia do Goberno con Pablo Iglesias poña enriba da mesa as demandas das maiorías sociais. Galicia estará tamén nese debate e estamos convencidos de que quedará de manifesto que as propostas de En Común-Unidas Podemos teñen profundidade e presenza no conxunto do debate no Estado”, afirmou.

O candidato á Cámara Baixa, ante o alto número de persoas indecisas que apuntan os inquéritos electorais, fixo fincapé de novo en que “temos que mobilizarnos para non volver atrás despois do avance democrático que se deu en 2015. É moi importante que a xente indecisa saiba que nos xogamos quedarnos estancados como sociedade”. Desta maneira, indicou que “Galicia merece seguir avanzando. Xa foi pioneira en 2015 cos concellos do cambio, volvemos selo en 2015 e 2016 levando o espazo político do cambio ao Congreso con moita forza, e agora temos que trasladar a iniciativa lexislativa á iniciativa de Goberno”. Para conseguilo, “toca seguir estando ao lado da xente”, nunha campaña que está sendo “a pé de rúa, que é onde nós traballamos sempre, levando a nosa proposta programática e recollendo demandas día tras día”.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario