Galicia en Común-Anova Mareas ven de reclamar unha mesa de diálogo con sindicatos e Anpas para consensuar as decisións sobre o curso escolar ante a crise do Covid19, tras consultar cos axentes educativos. 

“Non pode ser que en Galicia aínda non se tomara a decisión sobre se o curso escolar se vai retomar ou non e en que circunstancias, cando noutras comunidades autónomas xa lle foi trasladado ao persoal docente e ao alumnado”, sinalou hoxe Gómez Reino, nunha comparecencia telemática.

É por isto que, dende a coalición, solicítase unha mesa de diálogo con sindicatos e ANPAS para decidir como finaliza e se avalía o actual curso escolar. “A Xunta de Galicia non pode actuar de cóstas á comunidade educativa, que xa está farta de enterarse pola prensa das decisións da Consellería de Educación”.

O portavoz de GeC-AM esixiu tamén “un pronunciamento claro da Xunta sobre a data de celebración das oposicións do profesorado, prevista para o mes de xuño”.

Do mesmo xeito que no caso do curso escolar, non hai transparencia por parte do goberno galego sobre esta convocatoria, da que están pendentes miles de opositores no país.

“Se Feijóo decide aplazalas ao vindeiro ano, pedimos que se manteñan as prazas ofertadas e se incrementen en relación á taxa de reposición”, engadiu Gómez Reino.

En relación ás probas de acceso á universidade, Antón Gómez Reino solicita que se adapte a proba da ABAU aos contidos impartidos no tempo da docencia presecial e que se convoquen bolsas universitarias propias para o vindeiro curso, adaptadas ás necesidades de aloxamento, manutención e transporte do alumnado.

Galicia en Común-Anova Mareas tamén solicita que se garanta “unha alimentación axeitada e equilibrada mentres dure o confinamento para os nenos e nenas que son beneficiarios das bolsas de comedor”, pedindo tamén “que se poidan abrir as bolsas a aquelas familias que vexan os seus ingresos afectados por mor desta crise”.

Por último, a coalición aposta por atallar a fenda dixital no país, garantindo o acceso de todo o alumnado aos contidos dixitais mediante solucións como bonos de internet e equipos para aquelas familias sen recursos.

Ademais, Galicia en Común-Anova Mareas considera unha boa nova que a Xunta tivera en conta a proposta trasladada por Gómez Reino para poñer en marcha un plan educativo para o alumnado de primaria e secundaria a través dunha programación específica na CRTVG.

“Esta medida debería incluír lingua de signos e pictogramas, que permitirían chegar a todo tipo de alumnado”, concluiu.