O deputado trasladou este venres na Cámara autonómica as propostas de Galicia en Común-Anova Mareas para superar a crise do COVID-19.

Antón Sánchez insistiu unha vez máis na necesidade de reverter as políticas de privatización da sanidade e dos servizos sociais desenvolvidas polo Goberno do Partido Popular os últimos once anos e que a crise do coronavirus demostrou que «un sector público forte é a mellor garantía para a xente do común». e que «o benestar non pode ser moeda de cambio». Sen embargo, para o voceiro da coalición agora está a verse na práctica «como a estratexia de privatización das residencias de maiores ata chegar case a un 80% no país asentou un modelo no que a Administración desentendeuse das súas obrigas de vixiar e inspeccionar, convertendo un servizo para a atención dos nosos maiores nun lucrativo negocio» -aseverou o deputado antes de entrar na sesión da Deputación Permanente do Parlamento galego.
“Estamos diante dun problema no que a Xunta de Galicia foi incapaz de anticiparse pese a que xa había exemplos desta problemática en Italia e en Madrid, no que o primeiro caso foi rexistrado o 6 de marzo. Perdeuse calquera capacidade de anticipación pola inacción da Consellería de Política Social, que tardou semanas en intervir as residencias con positivos de Covid 19, tutelar as residencias privadas afectadas e reforzar aos traballadores e traballadoras con material de protección de calidade para impedir os contaxios” -subliñou-.
Sánchez recordou que durante os anos do Goberno do Partido Popular desoíronse as denuncias tanto do persoal laboral como das familias, que sinalizan de maneira contínua as condicións de precariedade do servizo e a falta de personal. » O lucro das empresas concesionarias estaba por diante da calidade na atención e as condicións laborais dos profesionais. Seguimos á espera de datos sobre a aportación da sanidade privada para a loita contra o Covid-19″ -insistiu-.
A xuizo do tamén portavoz nacional de Anova a inacción do Goberno de Feijóo tamén chegou á hora de despregar as competencias para protexer á cidadanía nas presentes circunstancias, polo que propuxo, tal e como están a facer outros gobernos autonómicos, axudas directas para os autónomos e unha renda social para todas aquelas persoas que quedaron sen ingresos e teñen problemas para afrontar o pago do alugueiro como consecuencia desta crise.
Para Antón Sánchez, «esta falta de compromiso» contrasta «cunha década de políticas» por parte do PP de Alberto Núñez Feijóo nas que se concederon beneficios fiscais aos grandes patrimonios e favoreceron determinados intereses económicos e empresariais. «Consideramos que neste momento é necesaria unha política fiscal xusta e progresiva onde quen máis ten aporte máis, para que esta crise non a paguen só os de abaixo» -sentenciou o deputado-.