Antón Sánchez: “A día de hoxe, Galiza non conta cun instrumento de protección da paisaxe mentres a nosa terra sofre a maior avalancha de parques eólicos dos últimos anos”

0
129

O portavoz nacional de Anova denuncia en redes sociais que o recente anuncio da conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vázquez de aprobación das Directrices da Paisaxe para o 2021 non é máis que “papel mollado” cos 70 parques eólicos previstos por todo o territorio, unha nova “tomadura de pelo” dun Goberno autonómico que traballa a prol do oligopolio eléctrico e contra o interese xeral da poboación.

Antón Sánchez nunha visita a un dos polémicos parques eólicos de Endesa en Paradela (Lugo) / Anova

Antón Sánchez sinala que si ben as Directrices da Paisaxe son a nivel teórico un bo instrumento para integrar a actividade económica no territorio e conseguir a redución do impacto ambiental, todo cambia ao coñecer o anuncio orixinal e o seu contexto, pois en decembro de 2016 Alberto Núñez Feijóo, á fronte do Goberno galego, anunciou a súa aprobación definitiva para o 2017, “algo que sería lóxico cunha tramitación normal”.

Sen embargo -sinala o voceiro de Anova-, algo cruzouse no camiño do Goberno galego “para que isto non fose así e non se aprobasen”. En ningún caso o interese xeral da cidadanía e das maiorías, senón “o interese concreto e privado desde grupo de grandes empresas que fan negocio co vento neste país amparadas por gobernos que traballan para elas”.

Recorda Sánchez que no momento do anuncio a conselleira de medio ambiente “era nada menos que Beatriz Mato”, actualmente contratada como directora de Desenvolvemento Corporativo por Greenalia, “unha das empresas que máis parques eólicos promove no país”.

Foi así -relata- como as Directrices da Paisaxe “metéronse nun caixón e non se aprobaron” mentres sen embargo sí se aprobaba a Lei 3/2008, máis coñecida como “Lei de Depredación”, que acurtaba á metade os prazos de tramitación para estas empresas “dificultando aínda máis as posibilidades de defensa de moita xente que tenta facer fronte ao que consideiran unha agresión de grandes empresas amparadas pola Xunta de Galicia”.

Para Antón Sánchez, deste xeito quedou claro “para quen goberna o Goberno galego e que modelo do eólico propoñen”, un “modelo do espolio, da privatización dos beneficios fronte á que debería ser unha oportunidade para todas e para todos respectando o noso país, o noso patrimonio, a nosa paisaxe, é dicir, un modelo democratizado”.

O ANUNCIO DAS DIRECTRICES DA PAISAXE, “PAPEL MOLLADO”

Por iso considera o portavoz nacional de Anova que a día de hoxe, Galiza non conta cun instrumento da protección da paisaxe mentres está a adiarse “a maior avalancha de parques eólicos dos últimos anos”, con 70 instalacións en distintas fases de tramitación sen que haxa unhas Directrices da Paisaxe en vigor “como debera de ter sido si se aprobasen como prometeu Núñez Feijóo en 2017”.

Antón Sanchez considera que todo isto, en calquera caso, “non é casualidade”, dada a “sensibilidade” do Goberno galego coas alegacións que no 2016 presentaron as eléctricas e a patronal do eólico “decindo que as Directrices da Paisaxe prexudicaban o seu negocio”.

“Foi moi sensible, gardounas no caixón e así, cando estes parques xa estén consolidados, xa estén funcionando, aprobaranse as Directrices da Paisaxe, que serán papel mollado no sector eólico. Serán unha tomadura de pelo como foi unha tomadura de pelo o anuncio da señora Ángeles Vázquez. Traballan para este oligopolio. Traballan contra o interese xeral” -sentenza-.

Dejar respuesta