O vicevoceiro do Grupo Parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova solidarízase coas familias afectadas polo risco de desafiuzamento nun edificio de vivendas da localidade coruñesa de Cambre (A Coruña) e anuncia que en setembro levará o caso á Cámara galega.
Nunha rolda de prensa celebrada este luns ás portas do inmoble e acompañado de varios representantes veciñais, o deputado denunciou a completa falta de sensibilidade do actual Goberno da Xunta ao poñerse “de lado dos que especulan coa vivenda e fronte ao dereito á vivenda de toda a cidadanía”. Pola súa banda, dende a veciñanza afectada Fernando Barbeito reclamou unha alternativa por parte da Xunta aos desafiuzamentos de Haya Real Estate, actual propietaria, firma que ten como único socio a unha compañía instrumental holandesa que depende en última instancia do fondo voitre Cerverus.
“O que hai aquí é algo escandaloso. Unhas vivendas que foron feitas en parte con fondos públicos a mediados dos anos 90 cun crédito duns 400 millóns de pesetas daqueles anos e que finalmente acaba en mans dun fondo voitre que se aproveita ademáis das facilidades aprobadas en diferentes leis polos gobernos, facilitades que van desde bonificacións fiscais ata axudas públicas para facer negocio” -expuxo o parlamentario-.
Para Antón Sánchez, “o modus operandi destes fondos voitre é ben coñecido” e caso da Patiña non é máis que “a punta do iceberg” deste problema a nivel galego, consistente en “valeirar estes edificios para vender e sacar rápidamente unha plusvalía inmediata” polo que “tampouco é casualidade que en Galicia sigan incrementándose os desafiuzamentos” nin a existencia dunha burbulla de aluguer “pois o ano pasado incrementáronse os alugueiros de media un 25%”, cun incremento todavía maior nas zonas urbanas. “Como sabemos todos os salarios, os ingresos, non medran a este ritmo o que da como consecuencia que hai moita xente que se ten que ir das súas casas” -incidiu-.
“INSENSIBILIDADE” POR PARTE DA XUNTA DE GALICIA
O deputado recordou que o caso da Patiña ten “unha problemática específica” porque á xente que accedeu a estas vivendas “tiña unhas determinadas características socioeconómicas”, precisando de alugueiros sociais e necesidades de adaptación nas casas, algo ao que o Goberno da Xunta non deu nengunha solución “mostrando unha insensibilidade absoluta cos problemas desta xente”.
Sánchez considera que “a Xunta de Galicia ten que dar solución á xente da Patiña”, actuando “coma un Goberno que defende á maioría e non aos especuladores” denunciando ademáis que o Executivo de Alberto Núñez Feijóo “ten uns datos alarmantes que demostran que non ten política de vivenda pública” estando á cola de construción de vivenda de protección oficial e “só superada por Ceuta e Melilla”. Para o parlamentario, isto é unha mostra de “cal é o modelo de vivenda do Partido Popular”, consistente en “deixar á xente na rúa mentres fondos voitres coma o que xestiona o fillo de Aznar e Botella fan o negocio do século”. “Para nós este é un dos problemas máis importantes que sofre a xente neste país e reivindicaremos contínuamente que o Goberno galego exerza como un Goberno sensiable cos problemas da xente e non sensible cos problemas dos bancos” -incidiu-.
Ao remate da súa intervención, o parlamentario recordou que en casos semellantes, houbo gobernos coma o Goberno de Canarias que se fixo coa propiedade de vivendas destas características, algo que a nivel galego “non suporía tanto esforzo económico” dado que “non son tantas” e daría unha solución válida ao problema. Sen embargo -criticou- a actuación da Xunta de Galicia foi contraria ao interés xeral ao dar autorización para que esas vivendas se vendesen a un fondo voitre prexudicando os intereses dos ocupantes desas vivendas “porque non é o mesmo que a xente da Patiña reclame a alguén sensible aos seus custes de imaxe como pode ser o Banco de Santander, o anterior propietario, que frente a un fondo voitre que está moi lonxe de aquí e que non ten ningún medo a que se dane a súa imaxe”. Para Sánchez “a autorización por parte da Xunta da venda das vivendas de protección oficial é unha irresponsabilidade e unha mostra máis de insensibilidade con esta problemática”.