O parlamentario rexeita a formulación dun gran pacto por parte do PP, ao consideralo “unha manobra de distracción sen intención de cumprir o ditame dos expertos”.

O deputado Antón Sánchez durante a súa comparecencia / Grupo Común da Esquerda

O vicevoceiro do Grupo Común da Esquerda e portavoz nacional de Anova Antón Sánchez, sinalou este mércores que “a Xunta non asume a reponsabilidade de dez anos perdidos en política forestal” na Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento. Durante a comparecencia do grupo de expertos en política forestal, Sánchez indicou que o informe presentado por estes “describe dez anos perdidos na conformación dun servizo público profesionalizado e formado, en lugar dun servizo precarizado, na ordenación do territorio, de retroceso e perda de superficie agraria útil, de diversificación do monte, de investir en prevención antes que en extinción, na coordinación urbano-forestal das emerxencias, que non se está aplicando”.

Antón Sánchez rexeitou ademais a formulación dun gran pacto nesta materia por parte do PP de Alberto Núñez Feijóo, ao considerar que se trata “dunha manobra de distracción, con publicidade e propaganda e non cunha vontade seria de cumprir, dando un cheque en branco a un Goberno que fixo políticas en contra dos criterios dos expertos antes de que en 2017 morresen catro persoas”. Así, lembrou que “esas mortes foron o que moveu a crear unha comisión de expertos, que igual que ocorreu nos anos 1990 e 2006, tivemos que agardar a que ocorresen traxedias”.

Desta maneira, tamén fixo referencia a que en 1990 “xa había una ditame que dicía que había que potenciar a diversidade de ecosistemas de maneira respectuosa cos recursos hidrolóxiccos e nada se fixo. O plan forestal derivado falaba de invertir a tendencia de gastar en extinción en prol das actividades produtivas no monte. Non se dotou aos distritos forestais de recursos, porque non había vontade para facelo”. Á vista destes feitos, destacou que “non nos gusta que nos tomen por parvos e utilicen os expertos para desviar a atención da responsabilidade dun goberno que fixo constantemente o contrario do que dicían eses expertos e do interese xeral. Ao final, sempre hai decisións políticas e defensa de intereses económicos concretos. Non é incompetencia nin ineficacia”.

Por estas razóns, Sánchez comprometuse “a non asinar pactos para lavarlles a cara a gobernos que non cumpriron co seu cometido de defender o interese xeral, senón intereseses empresariais, económicos e políticos, que teñen que esconder”. Da mesma forma indicou que o Grupo Común da Esquerda comprométese a “defender os criterios que os expertos expoñen no documento, e cremos que esa é a maior mostra de respecto cara ao seu traballo, e non dar un cheque en branco a un Goberno que, por historia, non o merece. Eles deben demostrar se tamén se comprometen a respectar estes criterios, ou se van ficar en papel mollado como ocorreu en 1990 e 2006”.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario