O deputado ven de denunciar esta semana nunha rolda de prensa no Parlamento galego que a actuación do Goberno de Núñez Feijóo neste proxecto é o «enésimo exemplo» da complicidade da Xunta coas grandes empresas, que unha e outra vez prepáralles o camiño para seguir facendo negocio cos recursos naturais de Galiza «sen importar pasar por riba» do patrimonio natural, cultural, da paisaxe e dos dereitos das persoas.

Sánchez, vicevoceiro do Grupo Parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova, recordou que este parque eólico que a empresa Fergo Galicia Vento está a instalar nos concellos lucenses de Triacastela e Samos debería estar reservado da construción de eólicos, tal como indican a Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento do vento a nivel galego e o Pan Director da Rede Natura, que impediría de facto a súa implantación.
OPACIDADE ADMINISTRATIVA POR PARTE DA XUNTA
O deputado explicou na súa comparecencia que a evolución deste proxecto fíxose a partir dunha tramitación administrativa «absolutamente escandalosa» pola súa opacidade e porque a Administración autonómica «púxose a traballar denodadamente dende fai anos» para que o proxecto saíse adiante a través dun procedemento «rocambolesco» e plagado de irregularidades.
Así, Antón Sánchez detallou que no ano 2005, as eleccións foron o 19 de xuño e perdeu a maioría absoluta Manuel Fraga. Co seu Goberno en funcións, aprobou a Declaración de Impacto Ambiental do parque eólico Serra do Oribio o 12 de agosto de 2005, logo dun período de exposición pública do Estudo de Impacto ambiental que rematou o día anterior.
Para o deputado, esta situación notoriamente irregular «é só un exemplo de cómo estas empresas gozan sempre do favor do Partido Popular», tal e como está a pasar agora coa aprobación este 14 de agosto e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal «para vestir ao santo», legalizando deste xeito unhas obras «que se estaban a realizar ilegalmente» e das que xa se pediu a paralización cautelar.
Aparte de anunciar a presentación dun recurso administrativo contra esta última decisión da Xunta, Sánchez recordou que a tramitación do proxecto fíxose ocultando información «do xeito máis opaco posible» para garantir que o plan da empresa «vaia adiante» sen ningún tipo de obstáculo.
O vicevoceiro expuxo que houbo colectivos ecoloxistas que pediron a principios de ano o expediente do proxecto do parque eólico e fóiselle entregado tan só cinco días antes da resolución de agosto. «Oito meses tivo paralizada a entrega de información a Consellería de Economía e Industria aos colectivos que pedían esa información que era vital para saber si as modificacións proxectadas pola empresa eran substanciais ou non. E a diferencia era transcendente. Era a diferencia entre implantar o parque ou non poder implantar o parque»-detallou-.
Para Antón Sánchez, estas son «unha tras outra», as «artimañas» do director xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces e do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo «para darlle beneficios a estas empresas en contra da xente que defende o país». Polo tanto, volveu a esixir a paralización das obras do que calificou de «aberración» sobre o patrimonio natural da Rede Natura. «Faremos todo o posible para que non se perpetre esta barbaridade» -concluiu-.