O vicevoceiro do Grupo Común da Esquerda e portavoz nacional de Anova interveu este mércores no Debate sobre o Estado da Nación facendo balance dos últimos dez anos de goberno do Partido Popular.

Intervención do deputado Antón Sánchez na Cámara galega / Grupo Común da Esquerda

Na súa intervención na Cámara galega o deputado recordou que «o negro ocupa a actualidade», tanto na falta de partidas orzamentarias da Xunta na loita contra a violencia de xénero e na sanidade pública coma nos «venres negros» cos que os traballadores e traballadoras da CRTVG denuncian a manipulación informativa imposta polo Goberno Feijóo.

A GALIZA «QUE SOUBO RESISTIR» Á DEPREDACIÓN

«Este pequeno lugar do mundo que se chama Galicia é espazo para conflitos protagonizados pola xente do común que ten que enfrontar a xigantes. David contra Goliat. O común cidadán contra os depredadores. Por iso nós aquí, no Parlamento de Galicia, tomamos partido» -expuxo Antón Sánchez-

«Hai unha Galicia que soubo resistir. Que soubo avanzar. Que non se resignou. Que se organizou nas rúas, dende os movementos, para criticar as políticas de austeridade. Señor Feijóo, con nós está a lembranza de Castelao. Con nós está a memoria antifranquista, memoria profanada, desposuída por anos de loita. Pida perdón nesta cámara por terse manifestado coa ultradereita en Colón ou deixe de outorgar medallas no nome do dirixente principal daquel Partido Galeguista que optou en 1936 pola Fronte Popular, unha fronte antifascista. Señor Núñez Feijóo, o inicio do fin do seu mandato chegou. Non podemos aceptar que os que causaron a crise saian reforzados e os que a sufriron con menos dereitos. A Galicia do progreso, do mundo do traballo, do sindicalismo, das letras, das artes, dos movementos sociais, saben que vostede e o Partido Popular son un problema ao que lle temos que buscar unha solución democrática. Unha maioría desta cámara a favor do cambio político, a igualdade e o impulso do noso autogoberno en favor da defensa dos nosos bens comúns e ao servizo da maioría dos galegos e galegas» -relatou o vicevoceiro-.

VIVENDA E BANCOS

Na súa exposición, Sánchez tivo un recordo para a mocidade, eses «mozos e mozas que non poden iniciar un proxecto de vida porque non poden pagar o aluguer». «Vostedes, defensores da familia, que políticas teñen deseñado ao respecto? -espetoulle o deputado á bancada popular con Feijóo á cabeza- Ou acaso pensan que cando falan de demografía ou da necesidade de que aumente a natalidade a cuestión da vivenda non ten nada que ver? No país das 300.000 vivendas baleiras vostede, o campión da xestión, puxo a disposición da xente que o precisa, 20 vivendas en 3 anos, coa súa proposta estrela, o Programa de vivendas baleiras».

«Prometeu unha Caixa galega e temos un banco privado, venezolano, vendido a prezo de ganga. Ten algo que ocultar, señor Feijóo? Retire o bloqueo para activar a Comisión de Investigación das Caixas, que leva cinco anos paralizada pola súa vontade, deixe de esconder información aos galegos e galegas. Ten medo a que coñezamos a verdade?» -insistiu-.

«Abanca obtivo 200 millóns de euros de plusvalías pola venta das súas participacións en R. Agora os traballadores das auxiliares de R están ameazados pola deslocalización por decisións de empresas con centro de operacións fora de Galicia, coma Euskaltel. Verdade que sería diferente se esas participacións fosen propiedade dunha banca pública ou unha entidade social galega?» -preguntou en alto o deputado-.

EMPREGO

Antón Sánchez recordou que «esta foi unha década de perda para o emprego», con 54.000 postos de traballo perdidos principalmente a nivel industrial. «As mobilizacións de traballadores da industria que están en perigo multiplícanse. Alcoa, Isowat, Poligal, suma e segue» -sentenciou-.

«Os recortes máis duros producíronse nas dúas áreas máis golpeadas pola crise: o emprego e a vivenda. A pesares da brutal destrución de emprego e o insoportable incremento dos desafiuzamentos ata converterse na peor cara da crise, a Xunta recortou o gasto en política de vivenda nun 68% dende 2009 a 2017 e no 58% na política de emprego. A única partida de gasto que medrou de forma significativa foi o servizo da débeda: 4 euros de cada 100 para os bancos cando vostede chegou ao Goberno son agora 20 de cada 100» -detallou o parlamentario-.

LUMES E XESTIÓN FORESTAL

En referencia a problemática dos lumes a nivel galego, Sánchez recordou que no ano 2017 «pasou o que moitos viñan advertindo» ao queimarse miles de hectáreas provocando a morte de catro persoas. «Vostedes nunca fixeron caso, soberbios e adicados a defender o modelo que lle conviña a ENCE, aos avisos de que os lumes estaban a mudar e a voltarse moito máis perigosos. Despois deses lumes non asumiron a súa responsabilidade e trataron de desviar a atención coas teorías da conspiración, pero os informes dos expertos déixano claro. Para rematar cos lumes hai que facer unha emenda á totalidade ás súas políticas forestais e do medio rural. Hai que reducir a expansión do eucalipto, hai que diversificar o monte, hai que preservar as terras agrarias, hai que fixar poboación no rural e non expulsala como fan vostedes» -concluiu-.