O deputado pide explicacións á Consellería de Medio Ambiente sobre a orixe e a toxicidade das verteduras existentes nas inmediacións de Sobrado dos Monxes e as medidas de seguridade esixidas pola Xunta ás empresas responsable.

O deputado Antón Sánchez alerta do risco que supón o depósito de lodos sen control ambiental para a Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e as Terras do Mandeo / Wikimedia Commons

Sánchez, vicevoceiro do Grupo Parlamentario de En Marea e portavoz nacional de anova, recordou este mércores que a veciñanza leva tempo denunciando estes depósitos de lodos que nalgúns dos casos permanencen semiocultos na maleza e sen ningún tipo de peche, chegando a ocasionar xa nalgunha ocasión a caída de persoas e animais ás balsas.

Vídeo Recomendado:

Segundo expuxo, en numerosas ocasións as verteduras rebordan por riba das balsas ou se depositan directamente en sucos realizados nos terreos e acaban esparexidos polos montes lindantes, co conseguinte risco de acabar chegando ao río Mandeo e á área da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Antón Sánchez presentará iniciativas para que a Consellería de Medio Ambiente aclare a situación das balsas, cal é o tipo de autorización que teñen as empresas que almacenan o refugallo nos montes de Sobrado dos Monxes e de onde proceden estes lodos, ademáis de requerir información sobre a toxicidade dos mesmos.

Para o deputado, as sospeitas de que durante anos se empregaron estes depósitos de lodos sen ningún tipo de control son evidentes polo que considera que este caso «é un exemplo máis da deixadez» da Consellería de Medio Ambiente dirixida por políticos «que desprezan a natureza» e «non se preocupan por facer cumprir a normativa ambiental».