O vicevoceiro do Grupo Común da Esquerda e portavoz nacional de Anova denunciou este xoves na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos a falta de apoio do actual Goberno da Xunta cos sectores sociais máis desfavorecidos.

Galiza atópase á cola do Estado a nivel de promoción de vivenda pública / contrainformacion.es

Na súa proposta, á que tivo acceso contrainformacion.es, o deputado indicou que a Administración galega «estase a caracterizar por favorecer a especulación no terreo da vivenda, o negocio de fondos voitre e o comercio cun ben que debería estar protexido e lonxe do seu tratamento como unha mercadoría», fronte ao obxectivo de procurar unha vivenda digna á poboación galega para que esta poida emprender os seus proxectos de futuro.

Para Sánchez, a actual tónica do Goberno Feijóo «é aprofundar o camiño da desregulación e alimentar a cadea privatizadora en materia de vivenda ate reducir ao ridículo a creación de vivenda protexida», tal e como sucedeu no ano 2018.

O deputado puxo de relieve, ao igual que en anteriores iniciativas parlamentarias, os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), do primeiro semestre de 2018, nos que Galiza apareceu á cola de vivenda protexida en todo o Estado, só adiantada polas zonas insulares (Baleares e Canarias)

O responsable político indicou que a porcentaxe tan baixa de transmisión de vivenda de protección oficial «obedece ás intencionadas políticas de desincentivación da Xunta do PP», que aposta sen fisuras pola iniciativa privada e o negocio dos grandes tenedores de vivenda en detrimento dun necesario parque social público de vivenda.

Sánchez contrapuxo a «cativa» oferta pública da Xunta coa «altísima demanda» existente a nivel galego de vivenda protexida, nunha realidade na que «os datos fan palidecer a propaganda da Xunta» porque máis de 13.300 persoas chegaron a inscribirse en Galiza no rexistro de demandantes, apostando a meirande parte por unha vivenda en alugueiro. «O acceso a unha vivenda pública é a única vía que teñen moitos mozos e mozas menores de 35 anos dado os paupérrimos salarios que perciben» -denunciou o parlamentario-.

O deputado recordou que «se houbese interese ou conciencia do ben común da Xunta, interiorizaríase que a vivenda protexida é un estabilizador do mercado e o seu medre funciona como un contrapeso aos altos prezos». Sen embargo, por parte da Xunta, cada vez son menores os orgamentos adicados á creación de vivenda pública.

Finalmente na proposta, que foi apoiada por todos os grupos da oposición da Cámara galega, apostou por mudar as políticas de vivenda para garantir o dereito a unha vivenda digna, crear un parque público de alugueiro social que sirva para dar unha solución habitacional á poboación galega e actuar como elemento regulador dos prezos do mercado e crear un imposto autonómico de vivenda valeira que impida a especulación dos grandes posuidores de bens inmobles.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario