O portavoz nacional de Anova alerta de que actualmente hai 10.000 persoas demandantes de vivenda de alugueiro social aos que a Xunta non lles está a dar “ningunha solución”.

Sánchez, tamén deputado e vicevoceiro do Grupo Parlamentario de En Marea compareceu hoxe diante dos medios no Concello de Cambre, diante do edificio da Patiña, recordando que “onde antes había xente que vivía cuns prezos de alugueiro social, con límites a eses prezos de alugueiro, construídas e subvencionadas en parte con diñeiro público, mentres que agora permítese que os fondos voitre compren estas vivendas que foron feitas con diñeiro público para facer negocio”.
O responsable político explicou que os datos publicados recentemente polo Instituto Galego de Vivenda e Solo das axudas concedidsa durante o ano pasado “son demoledores para o que o PP vendeu como programa estrela para a mobilización de vivenda baleira”, pois do Programa de Vivendas Baleiras do 2018 só se concederon dúas axudas por valor de 6.986 euros, o que significa un 5,37% do orzamento que xa se reducira á metade con respecto ao ano 2017 e que calificou como “un montante rídículo”.
Sánchez detallou que logo de tres anos dende a creación do programa só se teñen incorporado ao redor de 20 inmobles dos que non se adxudicaron “nin a metade”, fronte a un rexistro de casi 10.000 persoas demandantes a nivel galego.
O deputado considera este feito como “un fracaso absoluto” de tal dimensión “que esixe a asunción de responsabilidades políticas e un xiro total nas políticas de vivenda en Galicia” para loitar de maneira efectiva contra esta grave problemática social.
“Estase a dar unha suba espectacular do prezo do aluguer en Galicia, especialmente nas zonas urbanas, cando non acontece o mesmo cos ingresos ou a estabilidade laboral da xente, o que se traduce en novos desafiuzamentos ou na imposibilidade estrutural de emancipación da nosa mocidade” -afirmou Antón Sánchez-.
Por este motivo, o parlamentario reclamou que de xeito inmediato se aprobe un plan eficaz para a creación dun “parque público de vivenda de alugueiro social” que dé resposta a esta problemática coa incorporación de vivenda baleira “nun país con 300.000 vivendas nese estado” ou “coa construción de novas vivendas cando sexa necesario”.
Para Sánchez “débense de tomar medidas efectivas para que as vivendas en mans dos grandes especuladores non fiquen baleiras e cumpran coa súa función social, poñéndose á disposición de quen máis as precisa”.
Porque para o portavoz nacional de Anova, as políticas de propaganda do Goberno de Alberto Núñez Feijóo “tan só buscan encher titulares ao tempo que non solucionan este problema”. Por este motivo -anunciou- “seguiremos a propoñer medidas alternativas no Parlamento Galego e acompañar á sociedade que denuncia esta situación para buscar solucións que beneficien á maioría social”.