O vicevoceiro de En Marea considera «inaceptable» que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo «non só non cumpra» o seu compromiso de ampliar as áreas protexidas por Europa, senón que «a maiores lle entreguen as escasas zonas protexidas ás eólicas e aos intereses empresariais privados».

O deputado Antón Sánchez visitando as obras do parque eólico de Mouriños, en Cabana, do que ten solicitado a súa paralización / En Marea

O tamén portavoz nacional de Anova solicitou este venres a paralización das obras dun suposto proxecto eólico na Serra do Oribio, no macizo do Courel, ao considerar que «a Lei impide a día de hoxe» a instalación de novos aeroxeradores ao atoparse a zona comprendida dentro da Rede Natura 2000 e declarada como Zona Especial de Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), polo que segundo o Plan Director da Rede Natura e o artigo 32 da Lei 8/2009 do sector eólico de Galicia, habería unha prohibición taxativa para a instalación de novos parques eólicos.

CRÍTICAS AO PROXECTO DE LEI DE PATRIMONIO NATURAL DE GALICIA

Precisamente esta semana, En Marea presentou unha emenda de devolución ao Proxecto de Lei de Patrimonio Natural de Galicia ao considerar «que rebaixa as obrigas de conservación». Para o Grupo Parlamentario, a norma que o PP quere sacar adiante «é un instrumento que non mellora a lexislación actual» e que abre vías para a desprotección territorial. Segundo o deputado Antón Sánchez trátase «dunha mostra máis da senrazón de moitas decisións da Xunta de Galicia é a limitación imposta sin ningún tipo de explicación dunha superficie mínima de 10.000 has para a declaración de parques naturais non insulares, pois de estar en vigor esta lei nos últimos 30 anos 5 dos 6 parques naturais que hoxe están declarados e polo tanto cunha figura de protección vixente, non o serían», en referencia ás Fragas do Eume, ó complexo dunar de Corrubedo, a serra da Enciña da Lastra, o Invernadeiro e Monte Aloia.

O texto, para Sánchez, «vén a confirmar a norma habitual neste goberno, a absoluta subordinación das políticas mediambientais aos intereses empresariais sumado a unha drástica reducción do orzamentos, de ata un 70% para esta partida».

Deste xeito, o proxecto de lei que se presenta «amosa furados que desprotexerán o patrimonio natural, como por exemplo a ambigua e pouco concreta causa de non prevalencia dos instrumentos de ordenación ambiental sobre os urbanísticos, xa que poderá ser excepcionada por Xunta e concellos por razóns imperiosas de interese público de primeira orde, algo non contemplado na lexislación actual, sumado á imposibilidade de que os instrumentos de ordenación dos espazos naturais actúen en solos clasificados como urbáns».

Asemade, cuestionou a falta de interese do Goberno Feijóo por protexer a Rede Natura 2000 pese ao desfase co resto de territorios peninsulares, o retraso na aprobación das Directrices da Paisaxe, a ausencia dunha estratexia global de loita contra o cambio climático e a tardanza en adaptar a lei á normativa comunitaria ou estatal, vixente dende 2007. «É evidente que para o PPdG as políticas ambientais son un estorbo e non unha oportunidade de futuro para un desenvolvemento sostible do país» -sentenciou o deputado-.

Deja un comentario