O vicevoceiro de En Marea e portavoz nacional de Anova faise eco dos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) na denominada Estatística de Multilocalización Empresarial, que trata de avaliar as características e de cuantificar a actividade en Galicia das empresas con sede noutras comunidades autónomas.

O deputado ven de facer referencia a este particular nunha interpelación presentada ao Goberno galego á que tivo acceso contrainformacion.es, afirmando que ao examinar en detalle as cifras, pódense observar outros datos máis específicos “que poñen en evidencia” as políticas económicas que segue a reforzar o Goberno de Alberto Núñez Feijóo en determinados sectores industriais.
Sánchez incide en que a Estatística de Multilocalización Empresarial amosa na práctica que no sector das industrias extractivas, enerxía, auga, solo e residuos, as empresas foráneas representaba no ano 2015 o 82% do total do volume do negocio, pero que sen embargo, pese a absorber a práctica totalidade dos beneficios xerados “o emprego que producen está moi por debaixo do volumen de negocio que manteñen”.
Para o deputado, hai que ter en conta que “non é só que xeren menos emprego do que deberían xerar”, senon que “o emprego que representa este sector en Galicia con respecto ao total resulta ser moi baixo” e supón na práctica en torno ao 1,5% do número de persoas ocupadas na comunidade autónoma.
Por este motivo, Antón Sánchez considera que estes datos poñen de manifesto “que mentres o territorio galego absorbe todas as externalidades negativas promovidas polo sector das industrias extractivas, enerxía, auga e residuos” a través de actividades “de alto impacto medioambiental e social” e “baixa capacidade de emprego”, a práctica totalidade dos beneficios conrrespóndelle a empresas foráneas, preguntándose finalmente si o actual Goberno da Xunta considera que a súa actitude política é o camiño a seguir para o desenvolvemento ideal do territorio galego.