Antón Sánchez denuncia que o parque eólico de Mouriños “é un dos moitos exemplos” do modelo do espolio fomentado polo PP a nivel galego

0
2078

O vicevoceiro de En Marea e portavoz nacional de Anova visitou este domingo as obras do polémico proxecto de Naturgy para denunciar os graves impactos ambientais e patrimoniais que está a carrexar a infraestrutura para Cabana de Bergantiños e a Costa da Morte coruñesa.

O deputado Antón Sánchez durante a súa visita ás obras do parque eólico / En Marea

Na súa conta persoal de facebook Sánchez fixo balance da situación considerando que o parque eólico “é un dos moitos exemplos do modelo do espolio fomentado e permitido polo PP en Galiza” e que as obras “están a provocar graves danos patrimoniais e paisaxísticos” na Serra do Gontón, un lugar que considera “debería de estar protexido polo seu valor”.

Sánchez denunciou a permisividade da Xunta cos graves danos ambientais e paisaxísticos ocasionados polo proxecto de Naturgy / En Marea

O deputado considera que a Xunta de Galicia estalle a facer “o traballo sucio” a Naturgy, dado que aínda que o orzamento de execución material sobrepasa os oito millóns de euros a facturación anual estimada, en contraste, ronda os 2,5 millóns de euros e o pago de impostos polo canon eólico é de cero euros logo da instalación dos tres aeroxeradores proxectados, que sen embargo estragarán completamente unha das paisaxes máis singulares da Costa da Morte.

Antón Sánchez fala dun “Goberno de lacaios” en referencia ao Executivo de Núñez Feijóo, que está a utilizar a declaración de utilidade pública a prol dos intereses económicos da antiga Gas Natural Fenosa coa expropiación forzosa como ameaza permanente para a veciñanza afectada.

De igual xeito, recorda que o Goberno do PP, coa Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais, fixo unha lexislación “ad hoc” que acelera prazos e dificulta moito a oposición social, e que o retraso intencionado na ampliación da Rede Natura esixida por Europa ou na aprobación das Directrices da Paisaxe (prometidas para o 2017) son elementos claves para impoñer este tipo de proxectos industriais, á espera de ter completado o funesto plan deseñado polo PP no territorio galego.

 

Suscríbete al boletín gratuito de Contrainformación y únete a los otros 814 suscriptores.

Suscríbete al boletín gratuito de Contrainformación y únete a los otros 814 suscriptores.

Dejar respuesta